DI QUE AS MAREAS DEMOSTRAN QUE SON UN CONGLOMERADO DE INTERESES

Méndez Romeu: “É evidente que o aparato ten un interese enorme nunha determinada candidatura”

Méndez Romeu: “É evidente que o aparato ten un interese enorme nunha determinada candidatura”
[Imaxe: CRTVG] José Luis Méndez Romeu
[Imaxe: CRTVG] José Luis Méndez Romeu  

O candidato ás primarias convocadas polo PSdeG para elixir cabeza de lista á presidencia Xunta, José Luis Méndez Romeu, deixou claro este domingo que el non é o candidato do “aparato” do partido. De feito, denunciou que “o aparato ten un interese enorme nunha candidatura”, en referencia á encabezada por Leiceaga.


Conforme se achega o sábado, día no que a militancia do PSdeG decidirá quen vai ser o candidato á presidencia da Xunta, aumenta a tensión entre os dous aspirantes, Xaquín Fernández Leiceaga e José Luis Méndez Romeu.

"Hai persoas afincadas, atrincheiradas nas actuais estruturas non democráticas que están impulsando unha candidatura para perpetuar esa situación de costas ao conxunto dos afiliados"

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Méndez Romeu cargou contra o “aparato” do PSdeG -a xestora que dirixe a formación após a dimisión de Besteiro- e sinalou que “lamentabelmente, non é todo o neutral que debera ser”. “Hai persoas afincadas, atrincheiradas nas actuais estruturas non democráticas que están impulsando unha candidatura para perpetuar esa situación de costas ao conxunto dos afiliados”, advertiu o aspirante, quen engadiu que “o aparato ten un interese enorme nunha candidatura”.

Afirmou que encabeza unha “tendencia moi ampla”, de todos os sectores sociais e de todas as idades, “non é unha candidatura xurdida dos despachos ou do aparato; xorde do interese da xente que se decata de que imos mal”.

Críticas ás mareas

Preguntado polo xornalista, o aspirante a presidir a Xunta puxo de manifesto que as mareas “teñen unha forte limitación cando gobernan e demostran que son un conglomerado de intereses”. Referiuse, expresamente, aos Gobernos de Santiago de Compostela e da Coruña e evitou aludir ao de Ferrol, do que forma parte o PSdeG. “Non quero para Galiza un Goberno como o de Santiago ou da Coruña, quero un goberno estábel e con capacidade, e iso só pode facelo o PSdeG”.

“Non quero para Galiza un Goberno como o de Santiago ou da Coruña, quero un goberno estábel e con capacidade"

A respeito dun hipotético acordo de Goberno, afirmou que “se nós temos a hexemonía para poder dirixir un Goberno alternativo, falaremos cos grupos que formen parte da Cámara, pero para gobernar, non só para ter a presidencia, e os obxectivos non poden ser contraditorios cos do PSdeG, nin na política territorial de España nin na social”.  “Non estamos para facer experimentos tipo Venezuela, engadiu.

Méndez Romeu cre que a súa candidatura poderá apañar votos tanto da esquerda como da dereita. E é que ve posíbel “integrar as persoas que votaron o PP e están frustradas por esas políticas” e tamén “as que votaron as mareas e están espantadas diante do que fan os seus gobernos”.

"A dimisión descabezada de Besteiro abriu un baleiro e en vez de resolverse por vías democráticas resolveuse por vías executivas"

Preguntado por se o PSdeG é un partido tutelado, salientou que nun tempo “existía capacidade de tomar decisións”, pero “nos últimos tempos foi descabezado”. “A dimisión descabezada de Besteiro abriu un baleiro e en vez de resolverse por vías democráticas resolveuse por vías executivas”.