INICIO DE CURSO EN CARBALLO

“Menos Madrid e máis Galiza”, receita do BNG para o cambio político

“Menos Madrid e máis Galiza”, receita do BNG para o cambio político
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no acto de inicio do curso político en Carballo este 14 de setembro. Foto: BNG.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no acto de inicio do curso político en Carballo este 14 de setembro. Foto: BNG.  
O BNG convocou este sábado a súa dirixencia e cargos públicos en Carballo. “Facer valer Galiza” foi a palabra de orde coa que a organización nacionalista deu inicio simbólico ao curso político. A portavoz nacional, Ana Pontón, sintetizou os propósitos colectivos nun lema: “Menos Madrid e máis Galiza”.

A escolla da vila bergantiñá como escenario do acto do Bloque distou de ser casual. A propia Pontón referiuse a ela e ao seu alcalde Evencio Ferreiro como exemplo “de proxecto transformador”. Serviulle ademais para resumir o programa do BNG: “Queremos construír unha Galiza moderna, xusta e igualitaria, con futuro, na que a xente moza non teña que coller as maletas, con emprego decente, pensións dignas, un país de oportunidades”.ACTO BNG APERTURA CURSO POLITICO CARBALLO 1

O seu “menos Madrid e máis Galiza”, con crítica implícita á deriva dalgunha fraccións da esquerda española, significa “mudar o centro de gravidade”. Porque ao ver da líder nacionalista, de Madrid só chega “frivolidade e loita de egos. O centralismo so trae máis desigualdade e funciona como unha gran aspiradora do noso futuro, do noso talento, dos nosos recursos e do noso autogoberno”.

Na asollada mañá deste 14 de setembro, perante uns 300 destacados membros da organización, Pontón cargou contra PP, PSOE e Podemos. “Teñen un nexo claro de unión: cando se trata de defender os intereses deste país, nin están nin se lles espera”, afirmou. Despois criticou Feixoo, “quen pasou de recadeiro de Raxoi a recadeiro de Casado”.

ACTOBNG APERTURA CURSO POLITICO CARBALLO 4Referiuse ademais á polémica polos 700 millóns de euros bloqueados pola administración do Estado debido á parálise na formación de goberno e insistiu en que o presidente da Xunta debería demostrar “quen manda no PP galego dicíndolle aos seus deputados e deputados que vinculen o apoio a Pedro Sánchez a cambio de desbloquear” a mencionada partida. “Ou a cambio dunha tarifa eléctrica galega, unha solución para as empresas electrointensivas ou da transferencia da AP-9”, engadiu.

“A única organización libre”
A portavoz nacional pasou axiña a definir o BNG como “a única organización libre que pode levar adiante un cambio real en Galiza fronte aos que están atados de pés e mans ás súas direccións madrileñas”. O exemplo? As negociacións para conformar goberno en que todas as deputadas e deputados galegos, “caladas e calados, reducindo Galiza á insignificancia”.

É nese punto onde, ao seu ver, a función do Bloque é determinante. “Somos o quilómetro cero de Galiza, igual que os produtos da terra, porque o noso centro de decisión está aquí”, dixo, antes de volver cargar contra PP, PSOE e Podemos: “Son o quilómetro 600”. Contra o “triste teatrillo no que está convertida a política madrileña e a guerra de tronos Sánchez-Iglesias”, cómpre “recuperar voz propia no Estado da man do BNG” se a situación desemboca nas urnas.

Ana Pontón centrouse, finalmente, na perspectiva galega e asegurou que o Bloque está “na boa dirección” de cara ás eleccións do vindeiro ano ao Parlamento galego. “Galiza necesita máis que nunca ao BNG e estamos en disposición de ofrecer unha alternativa sólida e un proxecto desde nós e para nós, porque somos a única forza con proxecto propio, pensado para que o País avance, se modernice e se poña a producir, fronte ao fracaso do PP e de Feixóo”, argumentou.

Nota: imaxes do acto político do BNG este 14 de setembro en Carballo. Foto: BNG.