MGS e Nós-UP reivindican a vixencia do legado de Moncho Reboiras

MGS e Nós-UP reivindican a vixencia do legado de Moncho Reboiras
[GzFoto]
[GzFoto]  

Ambas as dúas organizacións independentistas conmemoraron o día do asasinato de Reboiras en Imo e Ferrol. En senllos actos puxeron en valor dos "principios ideolóxicos" e "militantes" do de Imo. 


Movemento Galego ao Socialismo e Isca! escolleron a localidade natal de Moncho Reboiras, Imo no Concello de Dodro, para desenvolver a quinta homenaxe desta organización ao militante nacionalista asasinado pola Brigada Político-Social o 12 de agosto de 1975 en Ferrol. 

No acto, que tivo lugar perante a tumba de Reboiras, tomaron a palabra Bieito Pérez, responsable local do BNG de Dodro, saudou os asistentes e animou brevemente a continuar o camiño pola consolidación do nacionalismo. Posteriormente, o integrante da Asociación Memoria Histórica do 72, Xesús Chaves, lembrou o contexto social e económico no que se enmarcou a loita de Reboiras onde coincidiron ambos os dous na fundación da Organización Obreira. 

A continuación, Noa Presas, integrante da Mesa Nacional da organización xuvenil Isca! defendeu a "ruptura democrática con España" como "única ruptura radical co sistema" através, salientou, dun "proceso constituínte en chave nacional". 

O MGS tamén se amosou moi crítico coas propostas electorais xurdidas nos últimos meses. Neste senso, o secretario comarcal da CIG de Compostela, na súa quenda de intervención advertiu "dos perigos das falsas saídas de carácter electoralista, da concepción da política como un espectáculo mediatizado e do desvinculamento dos conflictos" e alentou a traballar no camiño da consecución do “poder real e non dun mero resultado electoral” desde posicións políticas "firmes" e "claras". 

Nós-UP reivindica os obxectivos estratéxicos de Reboiras

Nestas mesmas coordenadas se posicionou Nós-Unidade Popular na súa homenaxe en Ferrol, na rúa da Terra. A organización independentista defendeu a loita a prol da República galega e reivindicou a vixencia do legado deixado por Moncho Reboiras.

No acto interviron a portavoz nacional de Briga, Eva Cortinhas, e de Mauricio Castro como representante da asemblea comarcal de Trasancos e da dirección política de Nós-UP. 

Nas súas quendas de palabra, Cortinhas e Castro afirmaron a asunción "como propios" dos obxectivos estratéxicos do pensamento de Reboiras.



x