Miguel Anxo Fernández Lores: "Sen o apoio de Ence o PP non tería pasado de 5 concelleiros"

Miguel Anxo Fernández Lores: "Sen o apoio de Ence o PP non tería pasado de 5 concelleiros"
[Imaxe: Cedida] Miguel Anxo Fernández Lores
[Imaxe: Cedida] Miguel Anxo Fernández Lores  

A piques de facer 65 anos, Miguel Anxo Fernández Lores está a uns días de iniciar o seu sexto mandato consecutivo como alcalde de Pontevedra. Ao longo de dúas décadas á fronte da cidade, el e o seu equipo criaron un paradigma, un referente internacional de como transformar un espazo urbano, o modelo Pontevedra. Unha obra aínda por completar. Lores ten claras as prioridades para os próximos catro anos e o seu discurso é tan apaixonado e tan pouco de político convencional como de costume. Será este o seu último mandato? "Ese non é un tema que estea neste momento no candeleiro", zanxa.


-Inicia agora o seu sexto mandato consecutivo. En que ten mudado Pontevedra nestes últimos 20 anos?

-A min cando me fan esa pregunta sempre fago outra, como bon galego. Ti viñeche ultimamente a Pontevedra ou non? [Risos]. Viñeche antes e viñeche agora ou non?

-Si, si que fun.

-Entón. Cal é a túa percepción? Porque eu sempre lle pregunto á xente cal é a súa percepción... para centrar un pouco a explicación do modelo. Porque isto non é unha peonalización sen máis, non é unha humanización sen máis... todos estes palabros que hai por aí, un pouco parvos, que non explican ben o asunto... Eu creo que a mudanza profunda que se experimentou na cidade ten a ver coa mentalidade da xente. A xente séntese orgullosa da súa cidade. Esta é hoxe unha cidade inclusiva, feminista, democrática no espazo público. E logo hai un concepto que se cadra é máis fácil de explicar e é que cando alguén chega a Pontevedra séntese acollido pola cidade. E ese concepto non é fácil porque vas a outras cidades e parece que te están expulsando, polo ruído, pola contaminación, polos coches. Pontevedra é unha cidade acolledora, pero no sentido amplo da palabra. Eu hai tres historias que adoito contar. Unha é dun portugués da CDU, de Almada, o alcalde, quen despois de visitar a cidade, de estar comigo, nunha rolda de prensa dixo que Pontevedra era unha "cidade democrática". E iso vindo dun señor portugués do Partido Comunista pois a min pareceume interesante. Porque no espazo público se percibe democracia. Hai cohesión social. A expresión cohesión social eu realmente non a entendía até que fumos evolucionando no modelo urbano de Pontevedra, entón agora entendo o que é a cohesión social. O neno que está xogando na rúa. O vello que anda cun andador. Os coches que están traballando sen molestar. Entendes? A convivencia que hai no espazo público. A segunda historia é a dun xaponés que me dixo que na cidade de Pontevedra se respiraba harmonía e iso é tremendo vindo dun oriental. E a última historia é a dunha xefa de servizo de Medio Ambiente e Urbanismo de Barcelona que veu aquí durante a campaña electoral e que á pergunta de que lles parecera o que viran aquí contestou: "Quedamos boquiabiertos". Ben, eses tres conceptos están aí. O que se fixo foi unha transformación do espazo urbano, mais tamén da mentalidade da xente. Aquí fálase de cousas que noutros sitios non se contemplan, de plataformas únicas, de accesibilidade universal, de coexistencia no espazo público... Hai unha percepción moi estendida de que é unha cidade para vivir, para traballar, para estar, agradábel, apetecíbel, onde se poden facer eventos deportivos internacionais porque o espazo o permite, porque a xente desfruta diso, e todo iso vai xerando máis actividade económica relacionada co comercio, co turismo... O que se chama unha cidade 4.0., cidades criativas, inclusivas, innovadoras, un pouco do século XXI. Non ten nada que ver con cidades onde haxa industria pesada, cousas dese tipo, modelos que outra xente [outras forzas políticas] plantexa noutros concellos.

-Algúns hanse de perguntar como é posíbel manter o impulso despois de 20 anos.

-Porque estamos a desenvolver un modelo dos máis avanzados que hai no mundo, na ecoloxía, no medio ambiente, na inclusión social. Todo iso é moi bonito, pero despois hai que o levar á práctica. E estase a materializar paulatinamente e sempre en conexión coas demandas da cidadanía. Houbo por exemplo xente que ao principio se opuxo aos planos de peonalización e que agora pide máis actuacións para que as persoas estean na rúa. Digo estar na rúa porque o concepto peonalización paréceme un chisco reducionista. O peón é unha persoa que se despraza andando. Ese é o concepto. Pero aquí en Pontevedra a xente se despraza ou non, porque está nun sitio concreto, pode estar quieta sen moverse a ningún lado, porque lle gusta vivir no seu espazo urbano. Que pasa? A xente demanda máis. A crítica da oposición vai por aí, que non chegamos a todos os barrios. Home, claro, non podemos chegar a todos ao mesmo tempo, pero están demandando máis calidade urbana e de vida e estano demandando tamén para as parroquias e... para o mundo mundial! E a min paréceme moi ben.

-Daquela o impulso se mantén porque o modelo non está aínda completo, non?

-Non, non está completo. Unha cidade non se constrúe nen en dez anos nen en vinte nen en trinta. Constrúese en séculos. E todo o mundo vai achegando cousas para facer un espazo apetecíbel para vivir e para todo. Entón, agora estamos facendo un proxecto de recuperación da materia orgánica no tratamento dos residuos sólidos urbanos co que levamos xa 3 ou 4 anos, que é complexo porque precisa xente con formación, e estámolos formando, e porque o ten que entender a poboación para que se faga, sexa efectivo ao 100 por 100 e non haxa voltas atrás. Iso a min faime moita ilusión. Que sexamos a primeira cidade que poda cumprir todas as directrices da UE —non porque sexan da UE senón porque son de sentido común—, ou sexa, recuperar a materia orgánica, reeutilizar e reducir a produción de lixo, facer os veciños partícipe diso que é teu e que hai que recollelo e non agardar a que sexa o concello quen apande co asunto... Estamos a traballar niso e na procura de achar solucións ao problema do transporte, pero sen que iso nos custe un ollo da cara e esteamos gastando cartos en que pasen os autobuses polo medio das corredoiras sen ninguén dentro. Estamos falando de transporte a demanda e cousas polo estilo. E tamén tentamos axudar na internacionalización de certas empresas que nos acompañan de paso que imos fóra co modelo de cidade. Faime moita ilusión tamén recuperar a ría. Agora temos unha porta aberta...

-Ese é o grande tema pendente?

-É un dos temas pendentes. Desde logo para min sería non a guinda, pero si unha parte importante do pastel... estamos a falar da cidade, da ría, dos concellos da ría... de que a área de Pontevedra ten moito futuro, todo o eixo atlántico, Pontevedra e Vigo e tal, aquí vaise concentrar moita poboación e o feito de que podamos recuperar a ría para todos os usos —marisqueo, deportes náuticos, lecer—sería un salto cualitativo. E estou plenamente convencido de que daría máis rentabilidade económica que calquera outra cousa que se manteña aí. E iso [di en alusión á factoría de Ence] pode estar en calquera outro sitio. Ese [o da ubicación do complexo pasteiro fóra da ría] é un problema de plantexamento empresarial e punto que non nos compete exactamente a nós.

Miguel Anxo Fernández Lores

-Viviu vostede e o BNG un certo desencanto por non ter alcanzado a maioría absoluta que lles prognosticaban os inquéritos?

-Si, a ver, sería hipócrita dicir o contrario... o mesmo día das eleccións estábannos dando 13 ou 15 [finalmente o BNG obtivo 11] e os inquéritos non se equivocaron con ningunha outra cidade máis que con Pontevedra. Iso só se pode explicar porque houbo un certo voto oculto ao longo de todo este tempo que ten que ver coa presión que exerceu Ence, as empresas que traballan con Ence, a favor do PP porque é quen ten unha posición clara de manter ese mamotreto aí [na ría]. Entón aí houbo compra de vontades, investimento de moitísimos cartos, eles falan de 6 millóns de euros nos últimos anos... Moitísimo diñeiro para intentar mudar a opinión pública. Iso foi o que sempre nos dixeron: "Nós preferimos investir en mudar a opinión pública antes que en investir nun traslado". Pois xa está. Esa é a posición de ENCE. Entón ou lles mandas recados perfectamente claros —"é imposíbel que vostede continúe producindo aí"—ou eles continuarán na mesma. E o único actor que mandou ese recado claro é o goberno municipal. A partir daí que tomen a decisión que teñen que tomar, mais eles continúan tendo a esperanza de poder continuar a deitar merda na ría.

-Ese apoio do lobby de Ence é o que explica o avance do PP en número de concelleiras [de 7 a 9]?

-Si, eu estou plenamente convencido de que sen iso o PP non sacaba máis de 5 concelleiros. Eses outros son produto da influencia que tivo Ence no tema e a influencia non só alcanzou Pontevedra, senón que tamén se estendeu a Poio e Marín cando menos.

-Supoño que será aínda prematuro, pero neste momento por que opción se inclinaría máis, por un goberno do BNG en solitario ou por un executivo de coalición co PSdeG?

-Depende da capacidade de entendemento que podamos ter neste caso co PSOE. Se o PSOE é razoábel e somos capaces de limar certas diferenzas e deixalas fóra do debate e plantexarnos seguir avanzando nesta cidade, eu encantado. Agora. se non é así, pois xa veremos. Neste momento estamos nunha fase de negociación, de ver que demandas ten o PSOE para gobernar conxuntamente.

Miguel Anxo Fernández Lores -E nese contexto que rol xoga o asunto de Ence e as competencias do Estado...?

-Co PSOE local non hai problema, teoricamente ten unha posición clara. A única diferenza que hai é que afirman que o concello ten que participar nunhas negociacións que eu penso que non teñen sentido. Non depende diso. Ence non quere marchar. Daquela non hai posibilidade de negociar nada. "Tes que marchar", a partir de agora falamos do que queiramos, pero primeiro hai que lles enviar esa mensaxe. Se lles falas con esa clareza así, ENCE tería que pensar que pode haber algunha alternativa de produción fóra da Ría de Pontevedra. Aí obviamente colaborariamos. Mais que teñan claro que no concello de Pontevedra non hai sitio para eles.

-Vou ser moi orixinal nesta pergunta: este vai ser o seu último mandato como alcalde?

-Pois es superorixinal. Ese non é un tema que estea neste momento no candeleiro. Non estamos preocupados por iso. Estamos preocupados por dar comezo a este novo mandato, por continuar avanzando. As cidades se se dormen se las lleva la corriente, enténdesme? Nós somos unha referencia mundial en moitas cuestións e temos que continuar a selo. Estou convencido de que se somos capaces de levar adiante o Proxecto Revitaliza, que facemos en conxunto coa Deputación, e que xa está moi avanzado en Pontevedra e Vilaboa inicialmente, pois seremos outra vez referentes no mundo. Porque non hai nada feito coherente, non hai un proxecto completo de recuperación de compostaxe... non o hai... estamos aí vendo... e hai algunhas críticas que apuntan: "E que van un pouco lentos". Imos un pouco lentos, din, e quen vai máis rápido cá nós? Andamos polo mundo e vimos experiencias. Estivemos en Italia, en Milán, en Alemaña, en Euskadi, en Barcelona, en todos lados. E o que hai son proxectos pilotillos, cousas que están facendo e que aínda non van ben... Eis tes a planta de compostaxe do Barbanza, alí non conseguen un compost de alta calidade porque non está feito ben o tema da separación en orixe. E nós os datos que estamos tendo de composteiros comunitarios son espectaculares, cun compost de calidade excepcional e moita participación da xente. O problema é que tardas en implementar. E temos que continuar nesta liña de posicionamento internacional da cidade. E se non avanzas a un ritmo suficiente pois ficas atrás, non?

-Deduzo que lle queda combustíbel no depósito.

-Eu estou encantado. Sempre digo que unha das mellores cousas que ten Pontevedra é a xente. A xente é dunha pasta especial. Se lle plantexas cousas coherentes e sensatas e tal, participa activamente dunha maneira incríbel. O que levamos feito nesta cidade se non nos acompañase unha grande maioría da cidadanía sería imposíbel facelo. Non se pode facer por arriba. Hai que facelo por arriba con iniciativas, mais despois ten de haber unha asunción do modelo pola xente. Eu non sei se nas outras cidades é igual. Eu estou encantado coa xente de Pontevedra. E logo despois, como en todos os sitios, hai ovellas negras, pero iso son anécdotas, comparadas co comportamento da maioría da cidade.

-Os resultados do 26M apuntan a unha certa recomposición política do mapa urbano galego, un certo retorno ao ambiente que propiciou a chegada do bipartito en 2005. Contempla o escenario de que en 2020 se forme unha maioría alternativa á do PP no Parlamento galego?

-Eu o que vexo é que o BNG está á alza e iso é boa cousa. Eu estou satisfeito. Temos unha portavoz nacional que a min persoalmente me representa. Estamos aí na vangarda e ben, estamos en condicións de continuar a avanzar. Logo despois o que vai pasar, non o sei. Tamén no seu momento o PSOE gobernou 6 cidades e nós, 1 [Pontevedra]. Imos estar nesa mesma situación, pero desde logo daquela non se xestionou moi ben por parte do PSOE. Entón, ben, espero que teñan aprendido. Porque todo este incremento do PSOE ten unha base que consiste unica e exclusivamente en que perderon Andalucía e ameazaron con que viña a dereita. E iso mudou totalmente as cousas. Mais é un xigante con pé de barro. Entón aí hai que xestionar todo iso. En todo caso, paréceme que é unha situación boa de partida e na que o BNG está a crecer e obviamente como nacionalista me parece que temos que continuar nesta liña.

-Mais non ten a sensación de que neste momento Feixoo é máis batíbel?

-Teño esa sensación. E ademais a min defraudoume moito. Nunca tiven moitas esperanzas postas nel, pero ultimamente defraudoume moitísimo.

-Por?

-Porque non hai nada detrás, nin hai pulso nin hai nada. É o presidente dun país que non ten liña de traballo nin plantexamento de futuro nin sabe a que anda. E iso é mao sempre.