MANIFESTACIÓN PREVIA Á FOLGA DO 8M

Milleiros de persoas marchan en Vigo “para transformar a vida das mulleres”

Milleiros de persoas marchan en Vigo “para transformar a vida das mulleres”
Cabeceira da manifestación do 4M en Vigo. Foto: Galiza Contrainfo.
Cabeceira da manifestación do 4M en Vigo. Foto: Galiza Contrainfo.  

Unha verdadeira riada humana percorreu esta mañá as rúas de Vigo detrás da palabra de orde “Para transformar a vida das mulleres. Folga de coidados, laboral, de consumo”. Milleiros de persoas responderon á convocatoria do feminismo galego previa á que será unha folga histórica a quinta feira 8 de marzo.
 


Co centro da cidade absolutamente colapsado, e co estrondo dos tambores que portaban ducias de mulleres con camisolas violeta como banda sonora, o movemento feminista realizou unha enorme demostración de forza. O desprezo do Partido Popular e os seus gobernos, que nas últimas semanas pasaron dos ataques directos a unha especie de paternalismo, e sempre desmarcándose das convocatorias, non pareceu afectar á multitudinaria manifestación.

en marea

“A revolución será feminista ou non será”, coreaban as participantes, reunidas polo chamamento da Asemblea Galegas 8M. O manifesto, lido ao cabo da marcha na praza do Berbés, instou á loita contra a brecha salarial, a violencia machista, a explotación sexual, o teito de cristal ou a división do traballo por xéneros. E invocou as presentes de cara ao 8M e a folga feminista internacional.

 

“Será unha xornada de folga para paralo todo, para mudalo todo, para que as nosas vidas se coloquen no centro da axenda e das prioridades”, afirmaron no Berbés, “porque só así seremos quen de construír un mundo, unha Galiza e unhas vidas xustas, igualitarias e libres”.

 

Apoio da oposición

 

Ademais dos principais sindicatos, os partidos da oposición secundaron a manifestación de Vigo e desprazaron alí as súas líderes e cabezas visíbeis. Para Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, “as mulleres nunca” tiveron “igualdade real”. Fixouse na brecha salarial e lembrou que cobran 4.000 euros menos ao ano por facer o mesmo traballo que os homes. “Cómpre poñermos en marcha unha lei pola igualdade salarial”, afirmou. Canda ela, a eurodeputada Ana Miranda ou as deputadas no Hórreo Noa Presas, Montse Prado e Olalla Rodil percorreron detrás dunha faixa do Bloque.

Foto manifestación Vigo 1

 

Parlamentarias de En Marea, en Compostela e en Madrid, ou a eurodeputada de AGE en Europa Lidia Senra tamén amosaron o seu apoio á manifestación e á folga do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Ana Seijas, responsábel de feminismos da confluencia, denunciou, acompañada do portavoz Luís Villares, a desigualdade de xénero e esixiu políticas de Estado ao respecto.

 

Foi Gonzalo Caballero, o secretario xeral dos socialistas galegos, quen mencionou a José Manuel Baltar. O presidente da Deputación de Ourense afirmou hai unhas semanas estar a prol da mobilización do 8M, ao contrario que o seu partido, o PP. “É esperpéntico que sexa Baltar quen estea á vangarda do PP”, dixo Caballero, quen pediu a Feijóo que “dea un paso adiante e se sume ao paro” da quinta feira.

 

Nota. A primeira imaxe é da praza do Berbés, onde se leu o manifesto (vía Eva Solla, de En Marea). A segunda, a faixa do BNG (vía BNG).



x