ANGROIS

Miranda insta o vindeiro goberno central a responder o procedemento de infracción do Alvia aberto pola Comisión Europea

Miranda insta o vindeiro goberno central a responder o procedemento de infracción do Alvia aberto pola Comisión Europea
Ana Miranda
Ana Miranda  
Na véspera do sexto aniversario do accidente ferroviario de Angrois, a representante do BNG en Europa lamentou que ningún partido fixera referencia ao accidente no debate de investidura.

Este 24 de xullo faranse seis anos do accidente de Angrois e a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, esixiu que sexa considerado polo vindeiro goberno central como unha “prioridade para o Estado” e que, por tanto, dea resposta ao procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea.

Nese sentido, Miranda solicitou ao Estado que adopte a lexislación comunitaria de control de riscos e realice unha comisión de investigación independente.

Así mesmo, a representante nacionalista en Europa lamentou que durante o pleno de investidura deste 22 e 23 de xullo decorrido no Congreso dos Deputados “ningunha forza política fixese referencia ao sinistro”.

Miranda cualificou de vergoñento que “após seis anos do accidente esteamos aínda sen unha adaptación da lexislación e sen unha sentenza tendo un procedemento de infracción aberto”

Nese sentido, Miranda cualificou de vergoñento que “após seis anos do accidente esteamos aínda sen unha adaptación da lexislación e sen unha sentenza tendo un procedemento de infracción aberto”.

Na rolda de prensa realizada esta 23 de xullo na sede nacional do BNG; Miranda lembrou o seu compromiso dado na pasada campaña ás eleccións europeas cando manifestou que quería voltar a ser eurodeputada “para dar verdade e xustiza ás vítimas e sobre todo para chegar até o final” así como “loitar para que non se volva repetir un sinistro desta gravidade”.

Despois da denuncia apresentada polo BNG en 2017, a Comisión Europea iniciou en xaneiro deste ano un procedemento de infracción, ao considerar que os procedementos de seguridade ferroviaria no Estado español non cumpren a normativa europea. Neste proceso, a Comisión reclamou ao Estado español que implante un plan de cumprimento do control de riscos, mais posteriormente o goberno central solicitou tres meses de prórroga, aceptada pola Comisión.

Na reunión que Miranda mantivo hai quince días co gabinete da comisaria europea de Transportes Violeta Bulc, recibiu a información de que o Estado español xa enviou un plan, que o están traducindo para todos os organismos da Dirección Xeral de Transporte, “pero que non chega porque ten que contemplar, necesariamente, un decreto ou unha lei” e un orzamento, prazo que remata en xaneiro de 2020. A ese respecto, a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG sinala que “ese plan é insuficiente porque para darse un decreto o goberno ten que aprobalo en Consello de Ministros e para facer unha lei ten que tramitarse no Parlamento, e tal e como están as cousas agora, cun goberno en funcións é imposíbel”, remarcou.

Se en setembro non hai cambios, o BNG instará a acudir ao Tribunal de Xustiza

No mes de setembro Ana Miranda terá unha nova reunión coa comisaria de Transportes, co obxectivo de realizar un seguimento exhaustivo dos pasos dados até ese momento.

“Como en Madrid parece que non se lembran das cousas que suceden aquí, para iso estamos nós”, engadiu Miranda

“Se en setembro non hai ningún movemento por parte do Estado o BNG instará a que se vaia ao Tribunal de Xustiza”, salientou, ao tempo que destacou que existe a oportunidade de cumprir e evitar que se volva producir un novo accidente como de Angrois. “Como en Madrid parece que non se lembran das cousas que suceden aquí, para iso estamos nós”, engadiu.

Xuntanza de Miranda coa Defensora Europea do Pobo

Ana Miranda fixo referencia ao acceso aos documentos públicos que motivaron a apertura do procedemento de infracción, solicitado tanto polo BNG como pola Asociación de Vítimas do Alvia e negado pola Comisión alegando que en procedementos de investigación, por cuestións de confidencialidade non é posíbel.

Miranda adiantou que se recibe unha nova resposta negativa dirixirase ao Tribunal de Xustiza para pedir o informe da Axencia Ferroviaria Europea que motiva o procedemento de infracción

A ese respecto, sinalou que mantivo unha xuntanza coa Defensora Europea do Pobo, a irlandesa Emily O´Reilly, o pasado 2 de xullo, “cunha gran receptividade”, xa que “recorrín a negativa polo que agora estamos nun momento no que a Comisión ten que dar resposta de novo a se é posíbel acceder aos documentos”, e adiantou que se recibe unha nova resposta negativa dirixirase ao Tribunal de Xustiza para pedir o informe da Axencia Ferroviaria Europea que motiva o procedemento de infracción “e que off de récord xa sabemos que ten probas evidentes de que aquí non se fixo control de riscos”.