CARTA AO PAPA FRANCISCO

Miranda e outros sete eurodeputados intentan impedir o enterro de Franco na Almudena de Madrid

Miranda e outros sete eurodeputados intentan impedir o enterro de Franco na Almudena de Madrid
A eurodeputada do BNG Ana Miranda. Foto: cedida.
A eurodeputada do BNG Ana Miranda. Foto: cedida.  

A eurodeputada nacionalista Ana Miranda é unha das oito parlamentarias que veñen de solicitar unha entrevista co Papa Francisco para que este interceda e evite a sepultura dos restos de Franco na catedral da Almudena de Madrid.


Canda Ana Miranda, do BNG, asinan a petición eurodeputadas do PNV -Izaskun Bilbao-, do PSOE -Clara Aguilera-, de Esquerra Republicana -Jordi Solé e Josep Maria Terricabras-, do PDeCAT -Ramón Tremosa-, de Podemos -Miguel Urbán- e de Inciativa per Catalunya -Ernest Urtasun.

O grupo de políticos entenden que o traslado dos restos do ditador fascista do Val dos Caídos ao templo madrileño convertiría este “nun centro de peregrinación das organizacións de ultradereita”. O encontro co Papa ten como obxectivo conseguir a súa intercesión ante a xerarquía eclesiástica española para “impulsar unha reflexión e unha mudanza de actitude sobre o que pode ser unha nova afrenta para milleiros de familias que levan décadas sen recibiri o trato que merecen polas autoridades”.

“Non pode consumarse unha decisión a todas luces errónea”, engaden, “ese traslado, lonxe de axudar a pechar un escuro capítulo da política española, pode reabrir feridas e provocar enfrontamentos”. As oito eurodeputadas rematan a misiva cunha apelación directa á nacionalidade do Papa: “Sería impensábel que os restos de Jorge Rafael Videla se atopasan na Santísima Trinidad de Bos Aires”.