Pontón sitúa a mobilidade e a compostaxe como temas “claves” para os gobernos do BNG

Pontón sitúa a mobilidade e a compostaxe como temas “claves” para os gobernos do BNG

Máis dun cento de representantes municipais e militantes asistiron ás xornadas organizadas en Pontevedra pola formación nacionalista sobre estes modelos.


Máis dun cento de representantes municipais e militantes participan nas Xornadas nacionais de mobilidade e compostaxe organizadas polo BNG en Pontevedra e nas que se debullan estas cuestións, que a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, sitúa como claves da “marca BNG”. Pontón afirma que cando os galegos e galegas cren nas súas posibilidades "somos quen de pór en práctica modelos únicos e avanzados" tales como o 'modelo Pontevedra' de mobilidade e a compostaxe como sistema de xestión do lixo.

"Hai que ter moita confianza no noso pobo para botar a andar cun modelo único e avanzado, para crer que somos quen de levalo adiante”, manifestou, para engadir que “só o BNG pode levar adiante un modelo como o de Pontevedra, ou como o doutros concellos" onde gobernan os nacionalistas. Indicou que as xornadas permiten ofrecer "á nosa xente" información sobre eixos de goberno prioritarios a través de persoal técnico e responsábeis políticos “coa mellor preparación e formación" para que eses modelos poidan ser aplicados nas diferentes vilas e territorios "sempre adaptándoos ás súas peculiaridades".

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, destacou o traballo feito no concello de Pontevedra"O noso obxectivo era devolver a cidade aos cidadáns. Por iso foi e segue a ser fundamental actuar en base ao coñecemento, pero tamén ter valentía política para facelo fronte aos atrancos".

Xornadas

Para abondar nas claves dos modelos de mobilidade e compostaxe aplicados en Pontevedra realizáronse diferentes relatorios e mesas de debate. A concelleira Carme da Silva explicou que o goberno local de Pontevedra considerou dende a súa toma de posesión en 1999 que o espazo público debía ser considerado e concebido como un servizo público. "Nos moitos sitios nos que demandan a nosa presenza para explicar o modelo Pontevedra, adoita haber quen nos fai a seguinte pregunta: Cré que outra forza política podería desenvolver un modelo como o que fixeron en Pontevedra? A resposta é sempre a mesma e rotunda. Non ", indicou Da Silva.

César Mosquera argumentou os motivos polos que é axeitado aplicar a compostaxe como sistema de xestión de lixo na Galiza e  lembrou que a lexislación europea obriga, de cara ao 2020, a preparar para a reciclaxe o 50% do contido da bolsa do lixo, algo dificilmente asequible se non se trata a parte orgánica dos residuos, que supoñen aproximadamente 40% da mencionada bolsa.