Mocidade Nacionalista Galega avoga por unha confluencia electoral de CxG e as asembleas de base


Mocidade Nacionalista Galega avoga por unha confluencia electoral de CxG e as asembleas de base

MNG sinala que vai participar de forma “activa” no proxecto de Compromiso por Galicia

Mocidade Nacionalista Galega (MNG) desenvolverá o seu proxecto e terá o seu ámbito de traballo en Compromiso por Galicia, entidade constituída por Máis Galiza, Acción Galega e Espazo Ecosocialista. Así o decideu a organización xuvenil nun Consello Nacional celebrado nestes días, e no que tamén se falou das asembleas nacionalistas de base existentes en diferentes comarcas do Novo Proxecto Común (NPC).

Neste sentido, o secretario xeral de MNG, Paulo Carlos López, en refrencia a esas asembleas agarda que, logo dos debates pertinentes, “a nova forza se constitúa satisfactoriamente e, máis cedo que tarde, conflúa con Compromiso x Galicia para ofertarlle á cidadanía galega unha oferta electoral atractiva, única opción que a día de hoxe contemplamos”.

Dar respostas á cidadanía

A Mocidade Nacionalista Galega entende que cómpre elaborar un programa “participado, radicalmente democrático, distinto” e que de respostas “a unha cidadanía descontenta e desencantada”.

O Secretario Xeral incide tamén na necesidade dun referentes e líderes “social e políticamente recoñecidos” que transmitan esa mensaxe, entre os que se poden atopar Xosé Manuel Beiras, Teresa Táboas ou Xoán Bascuas, entre outros. De igual modo a MNG entende prioritario, a medio prazo, seguir a explorar as posibilidades dunha necesaria organización unitaria, de adscrición individual, sobre os principios do “nacionalismo, do galeguismo, da esquerda en sentido amplo, da participación e con vocación de goberno”.