MARTA GONZÁLEZ VÁZQUEZ, NÚMERO UN POLA CORUÑA DO PP

“Por moi enfadado que estea con Torra, Pedro Sánchez ten que abrir as portas ao diálogo”

“Por moi enfadado que estea con Torra, Pedro Sánchez ten que abrir as portas ao diálogo”
[Imaxe: Partido Popular] Marta Vázquez González, Nº1 do PP pola Coruña
[Imaxe: Partido Popular] Marta Vázquez González, Nº1 do PP pola Coruña  
Marta González Vázquez (Compostela, 1963), doutora en historia, responsábel da política de igualdade no último goberno Fraga e no primeiro goberno Feixoo, deputada en Cortes desde 2011, ex membro da Executiva estatal do PP con Pablo Casado, repite como cabeza de lista pola Coruña o 10-N nuns comicios nos que os populares galegos aspiran a recuperar a hexemonía no país e a cuarta acta pola Coruña.

A entrevista celébrase a mesma mañá da exhumación dos restos do ditador. Marta González está abraiada pola cobertura televisiva; “mais non imos entrar en se debían sacar os restos ou non, o que me indigna é o tremendo oportunismo de Pedro Sánchez para usala como reclamo electoral”, di.

Dada a súa experiencia en asuntos de igualdade, cre que nesta campaña se vai falar diso?
Dáme a sensación de que non. Parece que os intereses do PSOE están noutras temáticas das que vai extraer maior rédito electoral. Hai un tema fundamental, que é o tema catalán, que é o que está creando a axenda. É unha mágoa, porque hai moito que facer en igualdade e para min é case unha obsesión persoal, preocúpame moitísimo, a cuestión da violencia de xénero. Dáme moita mágoa que todo o traballo que se fixo para o Pacto de Estado quedara en nada pola falta de goberno que impide sacar adiante as modificacións lexislativas.

Parece que a crítica é unánime en canto a falta de resultados dese pacto. Que medidas concretas do programa do PP destacaría neste ámbito?
Non creo que sexan críticas, unha das bondades do pacto foi chegar ese acordo entre todas as forzas, aínda que no último momento Podemos non asinara, e laméntoo porque era un traballo que era tan delas como noso. O criticábel é que o goberno non tirara dese pacto. En canto ás medidas, unha das que máis me interesan e que está incluída no pacto é a protección das nenas e nenos en casos de violencia de xénero. Creo se avanzou moito para rematar coa situación de indefensión dos menores.

A unha semana de comezar a campaña electoral, cales son os problemas da circunscrición da Coruña nos que o PP vai insistir?
Agora mesmo a situación da industria no seu conxunto afecta particularmente á Coruña. Hai varios focos abertos moi complicados: as dúas térmicas e as centrais electrointensivas. Están afectadas Ferrolterra e a comarca das Pontes... No PP pensamos que o goberno socialista está sendo moi negativo para o conxunto de Galiza e para A Coruña en concreto. Estando de acordo en que se deben tomar medidas porque o cambio climático é unha realidade, o certo é que o Ministerio de Transición Ecolóxica ten de todo menos de transición. Non se toman medidas para esa transición, o que se fai é adiantar os prazos imposibilitando que se dean solucións ao problema do emprego nas Pontes. Estamos diante dunha política de agravios do goberno de Pedro Sánchez con Galiza que ten un carácter partidista; é dicir, o enfrontamento vén de que en Galiza goberna o Partido Popular. En canto as electrointensivas, a Xunta puxo xa enriba da mesa unha proposta. E temos ademais ameazas no sector forestal, con ameazas sobre Ence que afectan a moitísimas familias que viven do sector; e temos o problema do despoboamento e o PP ten a vontade de mellorar servizos e proporcionar á poboación do rural igualdade de oportunidades.

Non se toman medidas para esa transición ecolóxica, o que se fai é adiantar os prazos imposibilitando que se dean solucións ao problema do emprego nas Pontes.

É posíbel manter postos de traballo mentres se eliminan industrias que se teñen que eliminar?
Ten que ser posíbel. O que temos que conseguir é que a transición se produza dunha maneira ordenada e achegando solucións. 

Antes fixo referencia á cuestión catalá. Pensa que vai condicionar toda a campaña?
Está condicionando boa parte da campaña. Penso que no Goberno están superados polos acontecementos. Posibelmente non consideraron que a resposta á sentenza ía ser a que foi. Parece que o número de efectivos das forzas e corpos de seguridade do Estado que se enviaron non foi o máis axeitado. A actitude do presidente do Goberno, que se nega a falar co presidente da Generalitat como se foran unha parella de noivos enfadados, non parece razoábel. Non parece unha actitude dun líder político. Por moi enfadado que estea con Torra, Pedro Sánchez ten que abrir as portas ao diálogo; un diálogo que, evidentemente, ten que estar dentro da lei. Ese é o marco, pero non falar con Torra parece unha actitude pueril. 

Pablo Casado dixo que el lle tería collido o teléfono a Torra, pero para dicirlle que se mantivera dentro da lei...
Exactamente, para dicirlle o que lle ten que dicir. Pero fechar mesmo esa posibilidade non parece moi razoábel nin unha actitude responsábel por parte dun presidente do Goberno.

Marta Vázquez González. Nº1 do PP pola Coruña (1) 10-N Eleccións xerais. Partido PopularTal e como se desenvolveron as cousas desde abril, pensa o PP que Pedro Sánchez está utilizando o conflito catalán no seu favor para mellorar os resultados electorais do PSOE?
Penso que agora mesmo o que está intentando é non utilizalo, porque imos coñecendo enquisas que indican que é moi posíbel que precise dos votos dos independentistas cataláns se quere formar goberno. É posíbel que a súa inactividade nesta cuestión tente mantela ad infinitum co obxectivo de non fechar esa porta. Está claro que el non tiña na súa cabeza este escenario, como tampouco tiña na cabeza un goberno cos resultados do 28 de abril e por iso, por táctica electoral absoluta, tróuxonos até estas eleccións. 

O PP representa a unha maioría das galegas e galegos, como cre o PP que a sociedade galega está a percibir o conflito catalán?
Pois penso que se está vendo con preocupación. O problema supera os límites da comunidade autónoma catalá e afecta ao conxunto de España en termos económicos, en termos de inestabilidade política... Penso que en Galiza, onde temos unha actitude moderada e a convicción maioritaria de que ser galego e ser español son perfectamente compatíbeis, a situación se vive con preocupación e certa estupefacción. 

Vox non ten presenza no territorio nin persoas representativas, e por riba en abril fixeron algunha lista pintoresca como a da tía de Abascal por Ourense. 

Con Ciudadanos á baixa e sen moita penetración de Vox no país, seralle doado ao PP recuperar eses votos pola dereita?
Traballamos para iso. Todas sabemos que nunhas estatais moitas veces os votos non teñen tanto que ver coas persoas que se presentan nunha lista como co tirón electoral dun determinado líder. Ciudadanos sacou dous escanos en Galiza en abril, e pensamos que foi fundamentalmente polo tirón que daquela puido ter Albert Rivera. Despois vimos como a deputada pola Coruña, Marta Rivera De la Cruz, tardou menos de catro meses en marchar para o goberno da Comunidade de Madrid. Iso creo que será mal recibido en Galiza. O obxectivo do PP na Coruña é sumar catro escanos no Congreso. 

E polo que respecta a Vox, porque non entra na Galiza?
As galegas e os galegos somos moderados en xeral. Non nos gustan os extremismos nin dun lado nin doutro. Vox non ten presenza no territorio nin persoas representativas, e por riba en abril fixeron algunha lista pintoresca como a da tía de Abascal por Ourense. Non van ter un resultado significativo na Galiza.

O PP rematou de pagar a factura electoral da Gürtel e da corrupción?
Penso que si, absolutamente. Témoslle dado a volta por completo a todo iso.

Ve posíbel un goberno do PP con Ciudadanos e con Vox?
Ben, o certo é que neste último ano e pico no que tivemos tantos procesos electorais o PP demostrou que ten seriedade e efectividade á hora de negociar: Andalucía, Castela e León, Murcia... son algúns exemplos. No PP poñémonos a traballar e sacamos adiante acordos, algo que, polo que se ve, o PSOE non conseguiu para o Goberno. O PP, cando existe unha posibilidade, traballa por ela e saca adiante gobernos. Penso que o votante valora isto, non quere ir unha e outra vez ás urnas.

Parece que non se dan as condicións para unha gran coalición e que Pedro Sánchez sería o primeiro obstáculo. Dá a sensación de que non é algo inmediato.

Ve posíbel un goberno PP máis PSOE, a gran coalición da que se vén falando hai tempo?
A gran coalición aparece no panorama político español no ano 2015 como unha proposta de Mariano Rajoy porque a suma daba e necesitábase un goberno para un país que aínda estaba saíndo da crise. Esa proposta foi rexeitada de todas as maneiras posíbeis por Pedro Sánchez. Lembre o “No es no; que parte del no, no entiende usted?”. É unha proposta que noutros países funciona e que sobre todo en momentos de crise económica ten os seus resultados. Aquí parece que non se dan as condicións e que Pedro Sánchez sería o primeiro obstáculo. Agora mesmo dá a sensación de que non é algo inmediato.

Non se dan as condicións políticas ou as condicións sociais? Porque a crise continúa e mesmo din que se agravará e hai un conflito aberto en Catalunya. O PP non ve a necesidade desa coalición, como no 2015?
Temos que esperar ao 10 de novembro para ver cales son os resultados e interpretar cal é a vontade dos españois. Aínda que é certo que as enquisas parecen indicar un determinado camiño, haberá que ver se iso se consolida nun resultado electoral.