VOCES DE CAMPAÑA / CARLOS CALLÓN

"Chamo a todas as persoas que senten Galiza a que se activen no que queda de campaña"

"Chamo a todas as persoas que senten Galiza a que se activen no que queda de campaña"
(Imaxe: Nós)
(Imaxe: Nós)  

O cabeza de lista de Nós pola Coruña chama ao electorado a mobilizarse “para non laiarnos o 21 de decembro, se o 20 non conseguimos que Galiza estea presente no Congreso”.



Que pode aportar Carlos Callón se é deputado?

A experiencia do meu activismo durante anos. E ser unha voz, igual que os meus compañeiros e compañeiras de Nós Candidatura Galega, unha voz insubornábel na defensa de Galiza e na defensa dunha política coherente de esquerdas. Nunca, nunca, nunca vou a votar contra dos intereses de Galiza.

En campaña sinalaches ese punto como principal diferenza respecto doutras formacións. Que implica? 

É a diferenza a partir da cal se explica o resto. Por exemplo, nós temos disciplina de país, non disciplina de partido. E iso se vai a notar en moitas cuestións. Se temos que debater sobre o naval, defenderemos que a carga de traballo sexa para Ferroltera, non imos entender que toda vaia para Cádiz. Ao mellor unha forza estatal, como aconteceu moitas outras veces, vai defender o contrario. Mesmo representantes que poidan saír elixidos en Galiza. Falo, por exemplo,dos mariñeiros do cerco, coa cota de pesca que distribúe o goberno español. É moi habitual que Galiza se utilice como moeda de cambio. Por iso nós imos colocar sempre os intereses do país enriba da mesa. Sempre imos colocar Galiza na axenda política, e nunca imos votar en contra. 

"Nós non andamos modificando o noso programa a golpe de sondaxe".


Que significa ser unha esquerda coherente?

Nós non andamos modificando o noso programa a golpe de sondaxe. Hai grupos que pretenden para captar máis electorado ir cambiando o seu programa cada tres meses. Nós mantémonos claros nas nosas liñas: defensa do ensino público, defensa da sanidade pública ou o non contra a OTAN e contra toda tentativa imperialista.

Falando de sondaxes, a maioría agoira un mal resultado para Nós.

Nós Candidatura Galega é continuadora do traballo político do BNG. Por iso sabemos cantas veces as sondaxes deron un mal resultado ao nacionalismo galego, mesmo moitas veces o deron por desaparecido, e se acabaron superando esas sondaxes grazas ao optimismo da xente. Podemos superalas se a xente se activa e se mobiliza. Por iso chamo a todas as persoas que sintan o país, que sintan Galiza, a que se activen no que queda de campaña. E que fronte a campaña teledirixida do bipartidismo a catro, traballen na rúa para facer chegar a nosa mensaxe. De nada serviría laiarnos o 21 de decembro, se o 20 non conseguimos que Galiza estea presente. Xa sabemos que significa. Antes de chegar o nacionalismo galego ao Congreso hai vinte anos, ningún dos representantes das forzas estatais colocaban ao país en primeiro termo. E cando ninguén fala polo país, acontece que acaban gobernando o teu país.

"Podemos superar as sondaxes se a xente se activa e se mobiliza".

Es unha persoa moi vinculada á lingua, a cultura e o ensino no país. Cales son as liñas principais da vosa proposta?

Sobre a lingua, garantir a plena oficialidade do noso idioma. A Administración central do Estado actúa como se o galego non fora oficial. Vémolo en Facenda, na Garda Civil... É como se o galego non fora oficial. Tanto nas dependencias que teñen no país como cando queres facer unha xestión electrónica. Garantir que o galego sexa plenamente oficial en igualdade co castelán, esa é a reivindicación fundamental.

Despois, no ámbito da cultura reclamamos que, posto que as competencias están transferidas, desapareza o ministerio de Cultura e se garanta a xestión completa dos recursos por parte do goberno galego. Iso si, naqueles asuntos como pode ser o Instituto Cervantes, hai que garantir que a cultura galega sexa tratada en igualdade respecto doutros idiomas oficiais do Estado, non existe esa potenciación internacional, que serviría para dinamizala.

E sobre educación, a prioridade é sumar forzas para derrogar a lei Wert e garantirmos a transferencia da xestión das bolsas. Un ensino galego, público, laico e de calidade, que son vellas reivindicacións do nacionalismo, e que mantemos como horizonte cara ao que avanzar.

"Temos unhas potencialidades económicas enormes, e por decisión políticas non se poden desenvolver".

"Vivimos a vida pobre dun país rico". Unha das frases que máis utilizaches en campaña. Por que?

A frase é de Valentín Paz Andrade. El constataba igual que ocorre hoxe que economicamente temos unhas potencialidades enormes, que poderíamos ser vangarda económica, e que por decisión políticas non se poden desenvolver. Eu son de Ribeira, unha vila pesqueira importante. Cando eu era neno, hai 30 anos, Galiza era a terceira potencia pesqueira mundial, só por detrás do Xapón e dos Estados Unidos. A día de hoxe estamos no posto 50 e caendo. No ámbito gandeiro, o mesmo. Temos unhas das mellores condicións do planeta para crear riqueza agraria, e vemos como retrocedemos. Ou o caso da enerxía eléctrica, que somos a primeira potencia do Estado español, e non nos beneficiamos, temos todos os custos medioambientais pero non supón ningún beneficio. E poderíamos por moitos máis exemplos. Son decisións políticas as que fan que non poidamos desenvolvernos plenamente. Por iso é fundamental que haxa unha voz galega que coloque estes problemas enriba da mesa. 

Como reverter esa situación?

Galiza precisa medidas específicas. Por exemplo, a maioría dos postos de traballo que se perderon no país non están vinculados coa burbulla inmobiliaria. Están vinculados coa destrución dos nosos sectores produtivos. En Galiza encabezamos as horas efectivas de traballo, mesmo a nivel da Unión Europea, e non tanto estamos á cola de salarios no Estado español. Despois o tema do aforro. Non chega unha banca pública, xa existiu no pasado, e non serviu para financiar Galiza senón para drenar o aforro galego. É necesario que exista unha banca pública galega. Pensemos que cada ano vanse 14.000 millóns de euros dos nosos depósitos para financiar a industrialización doutras partes do Estado español. Ou a cuestión das pensións, que son as máis baixas do Estado español, que non se corresponden coa vida de traballo dos nosos maiores. Pedimos que a pensión non contributiva sexa equivalente ao salario mínimo interprofesional e que a contributiva teña un mínimo de 900 euros ao mes.