VLOGUE DE XOSÉ MEXUTO

"Os monstros dos que falaba Gramsci lideran as enquisas"

"Os monstros dos que falaba Gramsci lideran as enquisas"

A contradición entre a intensificación das mobilizacións sociais -funcionarias da xustiza, pensionistas, greve das mulleres- e o medre do bloco conservador -PP+Cs- nos inquéritos é o argumento da última entrega do vlogue de Xosé Mexuto, director deste diario dixital.


Mexuto reflicte no seu último vídeo sobre o aparente paradoxo de unha forza conservadora -Cs- aumentar nos inquéritos -até o ponto de os liderar, segundo a máis recente mostra demoscópica de El País- xusto nun momento en que se está a producir un reagromar da mobilización social.

 

"Por que se produce este fenómeno [esta contradición]", pergúntase o director do Sermos dixital e a seguir respóndese a si propio: "Por dúas razóns. En primeiro termo, porque Ciudadanos é visto por algún sector da poboación non como unha forza da dereita. E en segundo termo, polo poder de persuasión dos meios de comunicación -dalgúns meios de comunicación- que están lanzando claramente a opción de Cs". Tamén ve certa responsabilidade de forzas políticas -"e aquí teño que citar Podemos".- que durante bastante tempo alimentaron a retórica da Nova Política segundo a cal xa non facía sentido falar de dereitas e esquerdas e si da oposición entre o novo e o vello. "Ese tipo de retórica ao final acaba branqueando unha opción como a de Cs que francamente é conservadora no económico, no social e moi conservadora, moi centralista, no territorial", alega Mexuto.

 

Ese branqueamento de Ciudadanos (non sería mao por ser novo) permitiu, por pór un exemplo, a Albert Rivera apresentarse o 9M perante a opinión pública case como "o organizador da greve feminista", nun alarde de "cinismo supremo".

 

 



x