Morre Fernández Albor, primeiro presidente da Galiza autonómica

Morre Fernández Albor, primeiro presidente da Galiza autonómica
Imaxe: EFE
Imaxe: EFE  

Exerceu o cargo entre 1982 e 1987. Faleceu aos 100 anos de idade.


Xerardo Fernández Albor, primeiro presidente da Xunta  elixido polo Parlamento de Galiza, faleceu aos 100 anos de idade. Ocupou o cargo entre 1982 e 1987, cando tivo que deixar a presidencia após unha moción de censura. Médico de profesión, en 1981 encabezara como independente a lista de Alianza Popular – agora Partido Popular- para a Xunta. Albor seguiu de deputado do en Galiza até 1989, ano no que foi elixido para o Parlamento Europeo, onde permaneceu até 1999. Tomou posesión do seu cargo como presidente da Xunta o 21 de xaneiro de 1982, apenas un mes despois (19 de decembro de 1981) de que se constituíse o Parlamento emanado do Estatuto de Autonomía (1981) actualmente vixente.

Fernández Albor naceu en Santiago de Compostela o 7 de setembro de 1917 sendo o segundo de cinco irmáns. Os seus país rexentaban o Hotel Estrella en Santiago de Compostela. Na Guerra Civil combateu nas fileiras franquistas en frontes como Brunete e Belchite. En 1938, como alférez provisional, marchou a Alemaña a facer cursos de perfeccionamento de aviación coa Luftwaffe, chegando a ter o grao de Teniente-Piloto de aviación.

Nas décadas dos 50 e 60 do século pasado estableceu contactos e amizade con Domingo García-Sabell, Ramón Piñeiro ou Fermín Penzol. Na época da transición fixo parte de Realidade Galega, na que figuraban diferentes persoeiros do galeguismo cultural. Nunha entrevista en 2013 afirmaba que o seu mentor político fora Ramón Piñeiro. que quería que o galeguismo fose un sentemento que impregnase todas as ideoloxías, e "eu era máis ben o que se di de dereitas".

En 1984 tivo que dar explicacións no Parlamento do seu encontro en Portugal o 6 de xullo dese ano con contrabandistas galegos en Vila Nova de Cerveira. “Non me teño que avergoñar por falar cuns señores que podrían ser ou non delincuentes” dixo na Cámara galega.

Nos primeiros meses do seu mandato como presidente da Xunta tivo lugar a expulsión do Parlamento dos tres deputados do Bloque-PSG, Bautista Álvarez, Lois Diéguez e Claudio López Garrido. Foi en novembro de 1982. Os parlamentares nacionalistas foron expulsos ao se negaren a aceitar a obriga de xurar fidelidade á Constitución española. Daquela non existía o requisito de o facer con carácter previo para tomar posesión do escano e, de feito, os deputados xa levaban meses de traballo normal na institución. O xuramento de fidelidade impúxoselles pois con carácter retroactivo, como unha precondición para continuar no Parlamento.



x