"Mozas en folga por unha Galiza feminista", lema das mocidades do Bloque para o 8M

"Mozas en folga por unha Galiza feminista", lema das mocidades do Bloque para o 8M
Un momento da presentación da campaña
Un momento da presentación da campaña  

A campaña de Galiza Nova para o 8 de marzo foi presentada esta terza feira en Compostela pola responsábel de Organización da formación xuvenil do Bloque, Claudia Quintela, e pola deputada nacionalista Olalla Rodil.

 


O obxectivo da campaña, salientou Olalla Rodil, é "lanzar un chamamento ás mozas galegas para que se impliquen non só no 8 de marzo, senón todos os días no movemento feminista".

Durante a campaña Galiza Nova prevé realizar por volta de 20 asembleas abertas non mixtas por todo o país.

Para a parlamentar do BNG, "unha sociedade que nega dereitos á metade da poboación, que normaliza o medo e o control sobre a vida e os corpos das mulleres non é unha sociedade democrática". 

Quintela, pola súa parte, ve crucial "reivindicar o carácter combativo co que naceu hai máis de 100 anos o 8 de marzo". A secretaria de Organización de Galiza Nova avanzou que a campaña se vai inserir "nun marco centrado no país e na clase traballadora galega, elementos que son indivisíbeis na loita pola emancipación das mulleres e por unha sociedade máis xusta e igualitaria".