REVISTA DE IMPRENSA

El Mundo constata a debilidade de Soraya e La Voz continúa a súa campaña pro-Feijóo

El Mundo constata a debilidade de Soraya e La Voz continúa a súa campaña pro-Feijóo
Soraya Sáenz de Santamaría, nunha sesión de control ao Goberno no Senado
Soraya Sáenz de Santamaría, nunha sesión de control ao Goberno no Senado  

A grande batalla no seo da direita española -entre Cs e o PP, entre as distintas correntes do partido liderado por Feijóo- ten a súa máxima expresión nas páxinas dos meios próximos á formación conservadora.


Este domingo, Lucía Méndez, a correspondente política de máis influencia da redacción de El Mundo, publicaba un artigo -48 horas de pánico en La Moncloa- en que se debuxan as horas máis baixas da carreira política de Soraya Sáenz de Santamaría, a vicepresidenta do Goberno e lugartenente de Rajoy na batalla de Catalunya.

Méndez, que dispón de fontes de primeira man no Consello de Ministros, relata que foi Soraya quen dirixiu a arriscada operación de apresentar un recurso perante o Tribunal Constitucional contra a resolución asinada por Roger Torrent o 22 de xaneiro en virtude da cal se designaba Carles Puigdemont como candidato á presidencia do Goberno.

Arriscada entre outras cousas porque esa decisión equivalía a desdicer as palabras pronunciadas o 24 de xaneiro por Mariano Rajoy nunha entrevista en Onda Cero cando deixou sentado que o Goberno non ía recorrer a resolución porque "o recurso perante o TC se ten que apresentar despois do acto administrativo, non se pode recorrer un anuncio". E porén fíxose. E foi por iniciativa política de Soraya, apunta Lucía Méndez. O que veu despois constitúe unha monumental desautorización xurídico-política: a negativa a avalar o recurso por parte do Consello de Estado, a postura dos letrados do propio Tribunal Constitucional contrarios a admitir o recurso, o debate divisivo no seo do propio TC...

Tudo iso estaría agora no debe de Soraya, quen -escrebe Lucía Méndez- non levantaría cabeza desde o 1 de outubro, o referendo catalán. A evolución dos feitos a partir dese momento estaría a desacreditar a súa tese de que o problema catalán se podería resolver mediante o despregamento da forza coercitiva e xudicial do Estado. O problema non só non está resolvido (o independentismo voltou a gañar nas urnas), senón que a iniciativa está en mans de Puigdemont, valoran as fontes consultadas pola xornalista de El Mundo.

E mentres as tribulacións de Soraya non cesan, La Voz de Galicia continúa esta segunda feira co lanzamento da campaña de Feijóo como novo campión do partido. A crónica do rotativo de Sabón sobre a conferencia do presidente do PPdeG na capital do Estado abeira o panexírico: "Feijóo dá un novo paso en Madrid como home forte do PP", titula La Voz, na cabeceira dunha narración en que se relata como o político de Os Peares -retratado como un seductor- se deixou querer ante a pergunta de se chegado o caso optaría á sucesión de Rajoy.