INICIATIVAS PIONEIRAS

Muras, o concello nacionalista que paga a luz á veciñanza

Muras, o concello nacionalista que paga a luz á veciñanza
Parque eólico
Parque eólico  

Até 381 aeroxeradores fan de Muras o municipio con mais muíños de vento da Galiza. O impacto paisaxístico, social e auditivo sobre a poboación sumábase ao aumento imparábel da factura da luz. Mais o conto mudou hai xa catro anos, coa chegada de Manuel Requeixo (BNG) á alcaldía, e a luz é agora gratis para a maior parte da veciñanza.


Muras é o concello con máis aeroxeradores de Galiza, cun total de 20 parques eólicos con 381 muíños que se ven en calquera espazo do municipio. O impacto non é só paisaxístico, senón tamén acústico, xa que o ruído das aspas é intenso e permanente, pois a maioría destes aeroxeradores están situados a 500 e 600 metros das vivendas.

Un modelo que marca como prioridade a xustiza social e o dereito ao acceso á enerxía de todas as persoas

RequeixoAdemais de padeceren os custos sociais e de saúde derivados da produción enerxética, as veciñas e veciños de Muras estaban a pagar cada vez máis pola luz coa suba constante da factura. Nestas, hai xa catro anos, chegou Manuel Requeixo á alcaldía e ideou un plan para reverter esta inxustiza. Co modelo implantado, a poboación de Muras comezou a ser compensada polos danos ocasionados pola produción e creouse un modelo que marca como prioridade a xustiza social e o dereito ao acceso á enerxía de todas as persoas. 

A través da bonificación do consumo, a luz é gratis para a maioría da veciñanza

Os parques eólicos producen importantes ingresos ás arcas municipais desde hai décadas, pero até a chegada do Bloque ao goberno local nas pasadas eleccións, esta riqueza non repercutiu na veciñanza. Agora, a través da bonificación do consumo doméstico, a luz é gratis para a maior parte da veciñanza polo seu nivel de ingresos.

Así, o alcalde Manuel Requeixo destina o millón e medio de euros dos impostos recadados ás empresas eléctricas para a veciñanza.

“Grazas a que a xente deu a alcaldía ao BNG puidemos facer esta iniciativa posíbel. Agora xa levamos tres anos con esta medida e amosamos que as transformacións desde os concellos si son posíbeis, se hai vontade”, afirma Requeixo a Sermos Galiza.

É unha axuda por unidade de convivencia e en función dos tramos de renda e do nivel de consumo

Esta medida do concello de Muras trátase dunha axuda para o pago da factura da luz por unidade de convivencia e en función dos tramos de renda e máis do nivel de consumo. Para rendas inferiores a 10 mil euros a axuda máxima é de 500 euros e para o ano serán de 600, anuncia o alcalde a Sermos Galiza. As rendas comprendidas entre os 11 mil e os 15 mil cobran unha axuda de 400 euros, que subirá outros 100. Para as rendas comprendidas entre 15.000 e 22.000, a axuda máxima é de 300 euros e para o ano será de 400, mentres que as unidades de convivencia cuxos ingresos son superiores aos 22 mil euros, poden optar a unha axuda máxima de 200 euros, que aumentará até os 300. Todos estes baremos sempre dependen tamén do nivel de consumo por unidade de convivencia.

“Fomos perfeccionando sobre a marcha” asegura Requeixo, quen sinala que no inicio tiñan pensado facer dous pagos anuais, mais déronse de conta que iso implicaba moito traballo burocrático inviábel nun concello como Muras. “Así que agora facemos un pago anual para que se poida ingresar o máis axiña posíbel” e engade que de feito xa están a resolver neste mes de maio as tramitacións de expedientes deste ano.

Para Requeixo trátase simplemente dunha cuestión de “boa xestión das finanzas locais”

Para Requeixo trátase simplemente dunha cuestión de “boa xestión das finanzas locais”. Sinala que cando o BNG chegou ao goberno local, o concello tiña un préstamo da época do PP co que a nova corporación decidiu rematar. Con rotundidade tamén finalizaron cos gastos en “inxentes cantidades das comidas típicas do PP e festas que organizaban”. Nesa liña, o alcalde nacionalista afirma que “hai servizos como ter un fogar quente e ter luz que son básicos e ademais é unha cuestión de xustiza social. Nós reforzamos así os servizos sociais”.

Aínda que sorprenda, Requeixo recoñece que non atoparon dificultades para implantar estas axudas, de feito o PSOE apoiounos e o PP foi a rebufo. “Demostramos que as cousas non teñen por que ser como nolas contaran”, sinala Requeixo, para quen o necesario de cara a realizar medidas deste tipo “é cuestión de ter vontade e colocar as prioridades ao servizo da veciñanza”.

“É cuestión de ter vontade e colocar as prioridades ao servizo da veciñanza”, sinala Requeixo

Relacionado coa enerxía, o concello tamén avanzou en servizos públicos. Neste mandato colocouse alumeado público e de eficiencia enerxética con lámpadas led e toda a poboación do rural ten tamén luz pública. Sinala Requeixo que até a chegada do Bloque isto non acontecía, xa que “existían unhas farolas semiprivadas que se enganchaban ao cadro da casa da veciña ou veciño e logo o Concello compensábao economicamente”.

“Agora temos máis retos” anuncia Requeixo, quen salienta que para o novo mandato ten o obxectivo de dar un cambio ao sistema de recollida de lixo para romper co modelo Sogama. Tamén planea dotar o concello dun potente servizo de atención integral á terceira idade, que inclúa alén do básico, outros servizos encamiñados a mellorar a calidade de vida, como é a asistencia fisioterapéutica ou podóloga.