XOÁN CARLOS BASCUAS (CXG)

"Na nosa axenda non está a reunificación do nacionalismo"

"Na nosa axenda non está a reunificación do nacionalismo"
Xoán Carlos Bascuas
Xoán Carlos Bascuas  Foto: X.M.

Xoán Carlos Bascuas (Alemaña, 1970) asume en primeira persoa a responsabilidade política polo mal resultado de Compromiso por Galicia o 25S.  Entrevistámolo no Sermos219 e na conversa, da que oferecemos un extracto, fala das potencialidades futuras de CxG e tamén de se é desexábel ou non a reunificación do nacionalismo.


-Na axenda de CxG está ou non está a reunificación do nacionalismo?

-Non, non está. Primeiro, falas de reunificación como se algunha vez estivese unificado, estivo xunto, que é algo distinto.  Estivo xunto, que non unido. En segundo lugar, en CxG hai moita xente que non ten procedencia doutras forzas políticas nacionalistas. Non se lles pode pedir que volvan a un lugar no que nunca estiveron.

MIniatura entrevista Xoán Carlos Bascuas. Sermos219

-Ou sexa, que non a ves, a reunificación, e talvez tampouco a consideres desexábel...

-É que esa é unha cuestión que hai que meditar previamente. Non sería mellor para o país dispor de dúas forzas políticas propias, dúas? Ou sexa, completar o panorama político galego, como noutras latitudes. Hai que traballar na normalización da vida política galega e iso implica que haxa máis dunha forza que asuma o discurso de país. Nese sentido, oxalá CxG poda consolidarse como unha forza política sólida e haxa unha forza que defenda claramente a soberanía nacional, mesmo a independencia, e que haxa outra, como é Compromiso, se queres, menos contundente, máis axustada ao corpo doutrinario do Estatuto de Autonomía actual e o que se poida reformar, e que sexan vasos comunicantes nun proceso eleitoral. Que cando a xente farte de tomar café só poda tomar café con leite, e que cando a xente farte de tomar café con leite poda tomar café só. Pero se só lle ofereces un tipo de café a xente se cadra decide consumir outra cousa.

A íntegra da entrevista, unha dupla plana, aparece no Sermos219, xa nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.