A nación entra no campo de xogo electoral

A nación entra no campo de xogo electoral
O mapa político da Galiza pos 10-N é diferente ao que deixou o 28-A. En seis meses, as forzas políticas alíñanse sobre un taboleiro no que pequenos movementos anuncian cambios. A menos dun ano para que se convoquen eleccións ao Parlamento galego todas as estratexias están xa encamiñadas a esa contenda. Eis un estrato da peza publicada no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza.

O clima político é tenso. E nas últimas eleccións, e tamén nas anteriores, vemos como se consolidou unha base social de máis de cen mil votos que vai máis aló da militancia e aposta en clave galega sen atender ao contexto estatal. Iso é novo. Antes era unha base social máis inestábel, pero perderon o medo a que se lles atacase por apoiar os independentistas cataláns ou vascos”, explica David Rodríguez, autor de O canastros sen tornarratos, quen aprecia o primeiro cambio cos resultados do 10-N na man. 

“As cousas non están tan mal para o PP, porque conta con expectativas razoábeis de repetir a maioría; pero tampouco están tan mal para o bloque progresistanacionalista, porque mantén unha vantaxe consistente de dez puntos nas eleccións da primavera pasada e oito puntos nestas últimas”, opina o ensaísta Antón Baamonde.

É probábel que a situación en Catalunya siga absorbendo o debate nos próximos meses e a cuestión territorial sexa central tamén na contenda galega. “Pode pasar como na campaña do 10-N, que non se falou de nada, nin do bloqueo no Goberno do Estado nin da falta de orzamentos nin das pensións nin do emprego... Non se falou diso, só dese elefante polo que está todo parado”, lembra Antón Baamonde. E matiza: “A min non me gusta  chamarlle cuestión territorial, porque é máis que iso, é unha discusión eterna nun Estado que é plurinacional e que admite distintas fórmulas de organización”.

miniatura politicaO BNG gañou 25.000 votos o pasado domingo e situou a Néstor Rego no Congreso dentro dunha fronte con independentistas cataláns e vascos que terá moita visibilidade no contexto actual. Baamonde dubida de que o BNG conserve todo ese voto nacionalista se forzas que non competiron o 10-N deciden presentarse ás eleccións galegas. O  nacionalismo segue por baixo de En Común-Unidas Podemos, que malia perder máis de 50.000 votos, a maior parte nas circunscricións da Coruña e Pontevedra, seguiría sendo a segunda forza no bloque das esquerdas e do nacionalismo.

“O nacionalismo galego caracterizouse por falar sempre desde a nación galega en todos os debates. Porque somos unha nación e non é unha cuestión voluntarista”, di Pilar  García Negro, filóloga e ex parlamentaria do BNG.

“As perspectivas do BNG son moi alentadoras. Desde tempo atrás é visíbel o momento ascendente. Compre conxugar estes bos datos electorais cun aumento da conciencia nacional que cree un sedimento potente para un cambio social”, indica. Non se falou doutra cousa na campaña do 10-N, mais na campaña na Galiza tampouco se falou directamente do “problema-elefantecatalán” nin da cuestión nacional galega... Salvo o Bloque, que vincula a solución dos problemas que desapareceron da axenda á obtención de maiores niveis de soberanía. O PSOE e En Común-Unidas Podemos vincularon as solucións á formación en Madrid dun goberno de coalición progresista. A disputa sobre onde deben partir as solucións estará máis viva que nunca nos próximos meses, con Catalunya de fondo.

Os socialistas galegos, cun liderado en construción, con moitas tarefas pendentes (estatuto electrointensivo, As Pontes, transferencias orzamentarias...), perderon 68.000 votos na Galiza respecto a abril, mentres o PP melloraba 4,5 puntos, menos de 20.000 votos, suficientes para volver gañar no conxunto do país. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]