SALVADOR SOUTULLO, ESCRITOR

“Un nacionalismo de centro dereita permitiría pactar con alguén máis que o PSOE”

“Un nacionalismo de centro dereita permitiría pactar con alguén máis que o PSOE”
[Imaxe: SG] Salvador Soutullo
[Imaxe: SG] Salvador Soutullo  

Salvador Soutullo (Barcelona, 1965) é fillo da emigración. Centos de artigos testemuñan a súa aposta na escritura como medio de intervención nos asuntos públicos. Xunta en Palabra de Patriotas (Acega Edicións, 2018) conversas con algúns dos vultos máis sobranceiros do nacionalismo de esquerdas: Bautista Álvarez, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Antón Arias Curto, Francisco Rodríguez e Ana Pontón. Xa presentou o libro en Compostela, acompañado de Ana Pontón, e o vindeiro novembro farao en Vigo con Antón Árias Curto. E promete un segundo volume, probabelmente para o Día da Patria de 2019. Eis un extracto da entrevista publicada no número 315 de Sermos Galiza.


5-Por que un libro conversas con líderes históricos do nacionalismo?

-Precisamente porque non existía ningún libro sobre líderes nacionalistas en plural. Existían libros en concreto, dalgúns deles. Eu quixen facer un libro en que saísen todos e en que se puidesen apreciar os matices que hai dentro do nacionalismo galego. Porque o nacionalismo galego ten matices internos. De feito, o BNG non é un partido político, é unha fronte patriótica. E dentro dela hai diferentes matices. Tamén fala Arias Curto, que ten outra visión.

-Realizou as entrevistas entre 2007 e 2009; aínda con esa distancia temporal, sérvenlle para entender mellor as vicisitudes posteriores do nacionalismo?

-Imos ver. Eu téñolle un gran respecto a todos os entrevistados. Pero eu persoalmente penso que no caso da esquerda nacionalista hai que ter unha postura que parta de Galiza. Que as decisións políticas do nacionalismo se tomen en Santiago de Compostela e non en Madrid. Eu non comparto unha esquerda española, léase Podemos ou Izquierda Unida, aquí en territorio galego. No territorio español si. Por que non? Porque Podemos ou Izquierda Unida, as súas sedes de decisión política, están en Madrid e non en Santiago de Compostela. Nós, o nacionalismo, ten que partir da Galiza, e ten que ter personalidade xurídica propia na Galiza. E non ten que depender de ningún estamento político en Madrid. Outra cousa é se logo hai que estar no Congreso dos Deputados ou no Senado e facer alianzas ou votar a favor disto ou do outro. Pero o nacionalismo ten que partir de Galiza e non considero que Podemos ou Izquierda Unida sexan iso. Podemos e Izquierda Unida dependen de Madrid. Esa é a miña postura, sen facer crítica destrutiva aos que pensen doutra maneira.

-Por que non existe unha dereita nacionalista en Galiza?

-Moi boa pregunta. Non hai dereita nacionalista ao mellor porque non hai unha burguesía forte. Pero para que o nacionalismo sexa socialmente maioritario na Galiza eu penso que debe existir unha organización política que sexa nacionalista convencida pero de centro dereita, demócrata cristiá ou como queira dicilo. A pata da esquerda no nacionalismo está construída hai moitos anos. Mesmo hai un sindicato nacionalista que é a CIG, maioritario en toda Galiza, cousa que non pasa en Catalunya. En Euskadi teñen ELA e LAB. En Catalunya non son quen de ter un sindicato como a CIG. O nacionalismo de esquerda existe e está consolidado. Para ser maioría social algún día terá que haber outra pata, unha segunda pata, do nacionalismo, ese centro dereita nacionalista. E vouno dicir máis claro: iso permitiría ter con quen pactar que non fose o PSOE. Porque, hai unha organización máis española que o PSOE?  cando temos que pactar con alguén non temos a ninguén máis que o PSOE.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 315 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]