GALIZA SEGUE SEN A AP9

O nacionalismo vasco consegue a transferencia da autoestrada AP68

O nacionalismo vasco consegue a transferencia da autoestrada AP68
AP9
AP9  

Euskadi logra a transferencia estratéxica da AP68, tras o nacionalismo apoiar seis decretos de Sánchez. Mentres, o goberno central non outorga a transferencia desa mesma competencia, na AP9, para Galiza.


Poucas horas despois do nacionalismo vasco dar o seu apoio aos seis novos decretos de Sánchez na Deputación Permanente, a ministra Meritxell Batet confirmaba o logro para Euskadi en materia competencial, anunciando que a vindeira semana se reunirá a Comisión Mixta de Traspasos onde se levarán adiante catro das trinta e tres novas transferencias negociadas.

Pola contra, Galiza segue agardando pola transferencia da AP9, unha reclamación múltiples veces bloqueada desde Madrid e cuxo debate aínda se atopa admitido a trámite, a pesar de ser un acordo repetido e unánime do Parlamento Galego.

O nacionalismo faise valer na Deputación Permanente

Os seis decretos de Pedro Sánchez presentados o pasado tres de abril resultaron aprobados na súa sesión grazas ao apoio do PNV e EH Bildu na Deputación Permanente. Finalmente, tamén saíu adiante o decreto referido ao aluguer, no que o PNV presentaba máis dúbidas e que rematou tamén por votar a favor.

Os apoios do nacionalismo son esenciais para o goberno central, non só no Congreso senón tamén na Deputación Permanente, que actualmente está conformada pola súa presidenta Ana Pastor (PP), na vicepresidencia José Ignacio Prendes (Ciudadanos) e Micaela Navarro (PSOE), as secretarias Alicia Sánchez-Camacho (PP) e Gloria Elizo (Unidos Podemos-En Comú-En Marea) e 60 vogais.

O goberno español convocou xa a Urkullu para pechar o traspaso competencial dos 77,5 quilómetros da autoestrada AP-68 (os correspondentes ao territorio do País Vasco), o seguro escolar, a execución da lexislación do Estado sobre produtos farmacéuticos e a competencia sobre as axudas previas á xubilación ordinaria a traballadoras e traballadores afectados por un ERE. A maiores, nos últimos días anunciouse o acordo do PNV alcanzado co goberno central para solventar os compromisos incumpridos con Euskadi en materia de orzamentos.