PERNANDO BARRENA E NIKO MORENO, DIRIXENTES DE SORTU

“É necesario construír unha fronte democrática, de esquerdas e en chave soberanista”

“É necesario construír unha fronte democrática, de esquerdas e en chave soberanista”
Pernando Barrera e Niko Moreno.
Imaxe: Uxía Castro
Pernando Barrera e Niko Moreno. Imaxe: Uxía Castro  

Non é a primeira vez que Pernando Barrena e Niko Moreno están en Galiza. Desta volta visitaron o noso país como representantes de Sortu, partido de esquerdas e abertzale que fai parte de EH Bildu, e no marco da dinámica de relacións internacionais que a esquerda independentista vasca mantén con axentes políticos e sociais doutros pobos. Falamos con eles de diversas cuestións, entre elas a idea dunha 'frente democrática' que poida ter plasmación para as eleccións europeas e tamén para as españolas.

 


Pernando Barrena e Niko Moreno teñen unha traxectoria de peso na esquerda abertzale, concretada na asunción de diferentes responsabilidades, orgánicas e institucionais. Conversamos con eles nunha pequena cafetería da zona vella compostelá, cidade onde recalaron a inicios da semana pasada para manter xuntanzas e reunións con diferentes actores políticos galegos.

-Estades na Galiza no marco da dinámica que desenvolve xa de vello a esquerda abertzale de manter relacións e contactos con outros pobos, reuníndovos con diferentes axentes políticos e sociais para ‘tomar o pulso’ desas realidades

-Pernando Barrena: Desde a esquerda abertzale historicamente sempre procuramos manter atención política cos diferentes pobos: ás veces por afinidade ideolóxica cara a movementos e organizacións; noutras, pola proximidade e unha situación política en certo xeito interdependente: ambos países, Galiza e Euskal Herria, estamos a sufrir a pertenza a un mesmo marco legal que consideramos que constrinxe os nosos dereitos como nacións. Tratamos de prestar atención ao que acontece en Galiza e en base a iso organizamos un traballo político de relacións con diferentes axentes políticos cos que pode haber unha afinidade. Iso permite a veces partillar apostas políticas conxuntas.

Sortu fai parte dunha coligazón, EH Bildu, que ten un acordo eleitoral co BNG para o traballo político nas europeas, foi unha experiencia que cremos que é satisfactoria. Iso é unha base importante para abordar retos futuros, como as vindeiras eleccións europeas ou, quen sabe, outros retos políticos.

Niko Moreno Pernando Barrena sortu Foto de Uxía castro

-Nestas semanas cobrou forza, a través de diferentes declaracións e pronunciamentos públicos, a formulación dunha candidatura para as europeas partillada polo BNG, ERC e a esquerda abertzale…

-P.B.: Hai unhas eleccións europeas en maio e iso exixe comezar a traballar un ano antes polo menos. Nas eleccións de 2014 presentouse unha coligazón, ‘Os Pobos deciden’ na que, por diferentes circunstancias, non puido contarse cun referente catalán. Esa coligazón funcionou ben, estamos satisfeitos do traballo feito e si que tiña ese déficit de non contar coa presenza catalá. Nestes momentos estamos a traballar para que cara a esas eleccións a alianza que mantivemos nestes anos co BNG e outras formacións conte con ese referente catalá. Hoxe por hoxe aínda non temos o formato nin as vontades políticas están definidas, antes de rematar o ano determinarase que vontades e posibilidades de acordo hai e cada organización terá que tomar as súas decisións. Á marxe do formato e compoñentes desa alianza político-electoral, si que para nós é importante a lectura política de que unha alianza democrática o máis ampla posíbel é moi importante para afrontar o reto das europeas e mesmo tamén o puidese ser se hai finalmente un adianto eleitoral nas españolas.

Galiza e Euskal Herria estamos a sufrir a pertenza a un mesmo marco legal que consideramos que constrinxe os nosos dereitos como nacións

Isto situámolo nun escenario europeo no que nos preocupa o ascenso da dereita reaccionaria e da extrema dereita. E iso deixando claro que nós partimos dunha posición moi crítica co que representa a UE tanto a nivel social como para a liberdade dos pobos, unha Europa construída para os intereses do capital. Esa vaga de dereitización que se dá en Europa no Estado español afonda no retroceso en liberdades políticas e democráticas básicas. Así vemos, por exemplo, como ao pobo catalán se lle reprime e impide decidir. O que está en xogo non é só como responder desde posicións de esquerda a todo isto, e iso é fundamental porque a esquerda non estamos a saber achegar alternativas tanxíbeis á xente; senón responder en chave democrática. A idea que lanzou Arnaldo Otegi hai uns días é esa, organizar unha gran fronte democrática tanto nas [eleccións] europeas como nunhas [eleccións] españolas. En Europa para mandar a mensaxe de que non é que haxa un problema catalán, vasco ou galego; hai un problema español. E no caso do estado español, é unha chamada de atención á posibilidade de articular un acordo estratéxico-político que puidese incluso, a súa vertente eleitoral, condicionar a política no Estado español, tanto haxa goberno de Sánchez ou de dereitas.  Esa é a idea, parécenos un reto asumíbel.

-Niko Moreno: Queremos partillar esa idea con sectores que pensamos que poden estar, tanto no punto de vista do soberanismo como de esquerdas, interesados. Un dos obxectivos destas viaxes é ese: partillar analises, achegar posturas, abrir debates.

-Que aprendizaxe ou leccións credes que a esquerda abertzale pode tirar de todo o proceso que Catalunya vive nestes anos?

-P.B.: Son realidades moi diferentes. En Catalunya existe unha maioría social independentista e en Euskal Herria e Galiza, non. A maioría dunha nación, a catalá, decidiu que quería decidir e que a opción que escollían era a independentista. Outra diferenza: Euskal Herria sae dunha confrontación que durou moitos anos e cuxas consecuencias non están aínda fechadas. Expresións como a das vítimas ou presos están sen resolver e iso pesa de xeito moi importante na política vasca. Non se pode facer política nun país sen normalizar e non hai normalidade cando aínda hai presos políticos e cando hai un número importante de persoas que sufriron vulneracións de dereitos.

Outro factor: en Catalunya a dereita nacional evoluíu cara ao independentismo; en Euskal Herria a dereita local, representada polo PNV, non está por esas. Eles continúan facendo análise en posicións de clase, consideran que o marco do réxime actual aínda lles dá marxe para poder traballar politicamente e tamén no económico; polo que non teñen necesidades de mudanza.

De Catalunya o que nós aprendemos é que as grandes mudanzas precisan non só de vontades políticas mais tamén de mobilizar toda unha sociedade a favor deses cambios, que os perciba como propios e necesarios. Hai un liderado social que fai este proceso único.

-N.M.: A experiencia de Catalunya deixou claro que o problema non está en Catalunya, Euskal Herria ou Galiza. Un proceso democrático como o catalán atopa enfronte un Estado que non ten nin vontade nin capacidade para xestionar democraticamente isto. Esa lección é importante, de aí extraemos leccións como a de que é necesario construír unha fronte democrática de esquerdas e en chave soberanista.

Para nós é importante a lectura política de que unha alianza democrática o máis ampla posíbel é moi importante para afrontar o reto das europeas e  tamén o puidera ser se hai finalmente un adianto eleitoral nas españolas.

-Recentemente estivo en Compostela Mireia Boya, que fora deputada da CUP, e recoñecía que o independentismo pecara de inxenuo ao non prever que o Estado recorrería a todo tipo de medidas (155, penas de cárcere, multas e sancións, detencións, represión policial…) para tentar descarrilar o proceso. Confiaban en que ao ser este un movemento non violento e democrático a resposta do estado non chegaría aos niveis de violencia ás que chegou

-P.B.: Por desgraza a resposta violenta do Estado é algo que en Euskal Herria temos ‘troquelado’ no noso ADN político. Lembro que antes do 1-0 e en plena efervescencia, moito independentista catalán mantiña que perante un proceso democrático como o de Catalunya o estado non podía facer nada. “Que vai facer?”, preguntábanse, e nós respondiamos “o Estado vai facer de todo”. A pregunta debería ser a de “Que non pode facer?” A nós ilegalizáronnos, chegaron a deter xente coa acusación de elaborar listas electorais! Iso pasou, coma quen di, hai 4 días. Vascos e vascas detidas por querer facer unha lista electoral!

Unha parte do independentismo catalán interiorizara que ao ser un proceso validado por unha maioría social e que se facía sen violencia, o Estado non ía responder con violencia. Era unha reflexión que nos sorprendía. O que non nos sorprendeu foi que o estado finalmente optase por actuar en Catalunya como o fixo. O Estado español sempre responde igual, á marxe de criterios democráticos, procurando buscar facer o maior dano político e introducir o factor do medo nesa comunidade.

-N.M.: Cando comezaron as detencións, os sectores que eran albo da represión sorprendíanse. Nós tiñamos claro que o estado ía empregar toda a súa forza contra o pobo catalán e por desgraza así foi

-O 17 e 18 de novembro houbo consultas populares sobre a autodeterminación de País Vasco en cinco cidades e vilas, unha dinámica nada e impulsada desde a propia sociedade que vén realizándose desde hai catro anos e na que xa participaron co seu voto máis de 217.000 persoas

-P.B.-: É unha iniciativa da sociedade civil e nós, tanto desde Sortu como tamén desde a coligazón EH Bildu, valorámola moi positivamente. Nace da experiencia das consultas en Catalunya, que comezaran en 2009 en Arenys de Munt e que foron estendéndose polas vilas e creando un clima que posibilitou o que veu despois. É unha reivindicación real do dereito a decidir e ao tempo é unha demostración de que o dereito a decidir non é traumático, que a xente asúmeo con normalidade. É un dereito que debería de ser asumido con esa normalidade por calquera actor político, independentemente do seu posicionamento, sexa unionista, independentista ou federalista. O contrario é enrocarse en posicións totalitarias, de inmobilismo e pretendendo impoñer a súa opinión. O dereito a decidir é unha ferramenta democrática fundamental para unha sociedade. Un exercicio de liberdade política. Estas consultas poñen este dereito na centralidade política e cada vez é máis a xente que incluso nunca se preguntara sobre este tema e que estaría disposto a apoialo.

-N.M.: Hai que poñer en valor que toda esa participación se produza sabendo que non vai ter unha transcendencia política inmediata, que non vai haber un resultado correlativo asociado a ese exercicio mais aínda así a participación continúa. As consultas tamén son moi importantes polo que implica de aprendizaxe, de autoorganización.

-No Parlamento  vasco hai un relatorio aberto sobre a reforma do estatuto vasco e no desenvolvemento do mesmo mesmo  déronse acordos entre PNV e EH Bildu.

-P.B.: Hai aberto un relatorio de autogoberno e nel trabállanse as bases para a reforma do estatuto de autonomía. Nós non rexeitamos ese reto e a posibilidade que esa ferramenta poida ofrecer, por iso fomos a ese relatorio con varios obxectivos. Un fundamental, pular porque calquera reforma parlamentar, un novo estatuto, contemple cuestións como o recoñecemento da identidade nacional vasca. Cuestións como unha formulación partillada do dereito a decidir, que entendemos que se pode facer con xenerosidade. Non temos présa nin propomos formulacións fechadas, entendemos que é importante sumar maiorías en torno a este dereito a decidir.

Tamén pulamos por que ese novo estatuto inclúa unha parte que aborde dereitos sociais que nós consideramos fulcral blindar no marco legal vasco. Construír un país diferente non vai vir marcado só por ser independentes ou non, tamén polas ferramentas de que nos dotemos para construír unha sociedade con base na xustiza social.

Hai cuestións, como no preámbulo, onde hai certo nivel de acordo do PNV, non así con Podemos, que non partillaba a idea da identidade nacional vasca..

Construír un país diferente non vai vir marcado só por ser independentes ou non, tamén polas ferramentas das que nos dotemos para unha construír unha sociedade con base na xustiza social.

-Mais defende o dereito a decidir..

-P.B.: Creo que ese dereito para Podemos é unha posición bastante decorativa. Dificilmente desde unha organización democrática, e non teño dúbida de que Podemos o é, pódese dicir que estás en contra deste dereito. Porén, cando se tenta levar á práctica ese dereito, rexeitan o debate, refutan lograr acordos neste tema… É triste e decepcionante.

PSOE e PP afastáronse desta dinámica da reforma do estatuto, só poñen obstáculos. Nestes momentos ese relatorio encargoulle a expertos xuristas designados polos diferentes grupos parlamentares que elaboren un articulado do estatuto en base aos presupostos que dá ese relatorio de autogoberno.

Que pasa? Pois dous problemas a ter en conta: un, que estamos en ano electoral e ese non é o mellor marco para este tipo de procesos. E dous: o PNV en torno a que posición se vai posicionar? Aí estase a dar unha batalla, que xa está decidida desde o principio, entre as dúas almas do PNV: a pactista e de defensa do statu quo, e a que procura avanzar máis alá do status actual. Esta segunda, se ben non ten boa correlación de forzas dentro do PNV, é a que lidera a acción política no Parlamento. Así é como te atopas que no mesmo día en que o PNV vota a favor nese relatorio parlamentar de acordos para avanzar, sae o lehendakari Urkullu, que representa a outra alma, dicindo que tranquilos, que menos emocionarse, e que calquera mudanza estatutaria precisa do consenso dunha forza unionista.

Que alma vai triunfar? Bon, a experiencia aponta a que a partidaria de non moverse, que insiste en que o importante é manter o que se ten, que o outro sería poñer en risco o autogoberno que temos. Cremos que é ao contrario: non moverse é precisamente poñer en risco o que tes. Falar de atinxir consensos no país para avanzar no status político en chave de soberanía é o que blinda e cobre o que temos.

-N.M.: A pregunta é até onde está disposto a chegar o PNV na reforma do estatuto? Teñen que resolver esa ecuación, teñen a pelota no seu tellado. Que Urkullu poña como condición para avanzar na reforma do estatuto ter o apoio dunha forza unionista o que fai, de facto, é outorgar un dereito de veto a esas forzas. O que en teoría se fai nunha chave inclusiva o que logra na práctica é outorgar un dereito de veto ao unionismo. O PNV ten un nó moi difícil de resolver, non acabo de ver por onde poden saír.

-Falabades antes do auxe nestes anos das posicións de dereita pura e dura en Europa, algo que tamén é ben perceptíbel no Estado español, cuns discursos que van gañando espazo mediático e social. Como pode afectar isto Euskal Herria?

-P.B.: Afortunadamente, a sociedade vasca en xeral está vacinada contra eses movementos e posicións. Eu son optimista, creo que fenómenos como Ciudadanos ou Vox non callan alí. Eu persoalmente non coñezo ninguén que se vexa representado por eses posicionamentos.

-N.M.: Nin eu (ri)

-P.B.: Ciudadanos ten un discurso antiforalista. E no País Vasco todo o mundo é foralista! Desde a extrema esquerda até a dereita. Iso fai que Ciudadanos alí non exista. En todo caso ese discurso abrangue unha parte moi pequena do pastel electoral vasco e que se reparten sempre os mesmos, antes UPyD, agora Ciudadanos ou VOX. O que se pode dar é que eses sectores de dereita se dereiticen aínda máis.

A esquerda non estamos a saber achegar alternativas tanxíbeis á xente

-A pregunta non é tanto se en Euskal Herria hai base ou non para que collan sitio esas formacións como o feito de que vaian gañando presenza, peso e capacidade de condicionar en España e iso vaia ter efectos sobre Euskal Herria. Lembremos o cuestionamento por certos partidos e medios de comunicación contra o concerto vasco, por exemplo, ou da política lingüística…

-P.B.: O PNV si que tiña certo medo cando Ciudadanos estaban no alto da onda de que condicionasen políticas contra o autogoberno vasco. Temían un adianto electoral onde Ciudadanos saíse como forza con peso para formar ou condicionar un goberno. A nós medo ningún, sabemos que a sociedade vasca non dubidaría en defender o seu autogoberno, o seu foro.

-N.M.: No Estado español o que hai é a reaparición dun franquismo sociolóxico, que estaba aí e que agora móstrase, sae da neveira onde estaba. É a reaparición daqueles valores franquistas da ‘sacrosanta unidad de la patria’, con todo ese cheiro a rancio, a odio a calquera cousa que sexa diferente…



x