OLALLA RODIL, CANDIDATA DO BNG AO CONGRESO POR LUGO

“Necesitamos ter unha voz forte que sitúe os intereses da Galiza no debate político”

“Necesitamos ter unha voz forte que sitúe os intereses da Galiza no debate político”
Olalla Rodil, no Parlamento esta semana.
Olalla Rodil, no Parlamento esta semana.  
Olalla Rodil (Ribeira de Piquín, 1989) preséntase por terceira vez a unhas estatais como cabeza de lista do BNG ao Congreso pola circunscrición de Lugo. Deixará o seu escano no Parlamento galego se resulta elixida… e o seu despacho, o último que ocupou Beiras? “As urnas están baleiras. Igual para todas e todos. A nosa candidatura parte coas mesmas posibilidades que calquera outra. Por que non?”, comenta, e de inmediato sinala que o Bloque está en tendencia ascendente e que en Lugo participa do goberno do Concello e da Deputación.

Por que esta candidatura sendo vice-portavoz no Parlamento?

Foi unha decisión que adoptamos colectivamente. E agradezo á organización que depositase en min esta confianza. Os tempos eran moi axustados. Eu encaro esta campaña co obxectivo de facer chegar as propostas do BNG a todas as persoas de Lugo e impulsar o proxecto nacionalista aproveitando este proceso electoral.

Ten experiencia en dúas campañas estatais. Que lembra daquelas campañas?

Foron campañas moi intensas. Pero como todas no BNG, porque saímos a por todas. No BNG non facemos campañas de trámite. Hai moito traballo. Aprendín a coñecer un pouco máis o escenario do Estado e a situación na que se atopa Galiza. E as campañas serven tamén para conectar con moitos colectivos e coñecer un pouco mellor a situación que se vive no país.

Como está o partido en Lugo?

Ben. E creo que se reflicte no incremento dos apoios. Estamos mellor do que estabamos en abril. As municipais demostraron que o BNG é unha forza política en alza. A organización está preparada para poñer a funcionar toda a maquinaria para estas eleccións.

Apostaron hai tempo pola renovación. Nótase máis porque están no goberno municipal?

Creo que é unha tendencia no BNG en todo o país. Houbo un cambio xeracional moi forte. Eu son exemplo diso. Pero vai en paralelo con aproveitar a experiencia doutra moita xente.

Eu teño 30 anos e socialicei nunha realidade diferente a de xeracións anteriores. Desenvolvémonos nunha sociedade absolutamente globalizada. Penso que aportamos frescura e outros puntos de vista.

Que achega a xente máis moza ao partido?

Achegamos a nosa experiencia persoal. Eu teño 30 anos e socialicei nunha realidade diferente a de xeracións anteriores. Non sei… por exemplo, no que ten a ver coas novas tecnoloxías. Desenvolvémonos tamén nunha sociedade absolutamente globalizada. Penso que aportamos frescura e outros puntos de vista. Que persoas como a min esteamos a asumir responsabilidades na primeira liña demostra que o BNG é un proxecto de futuro.

Que tipo campaña espera?

O primeiro é poñer de relevo a necesidade que temos como país de recuperar unha voz forte e propia nas Cortes españolas. Que o nacionalismo galego non estivera presente tivo enormes prexuízos para o país. No que ten a ver coa miña circunscrición, o déficit de infraestruturas lastra o desenvolvemento económico e social de Lugo. O tren é o exemplo máis evidente dese déficit. Corrixir ese déficit é unha demanda social.

Olalla Rodil, número un do BNG ao Congreso por Lugo. 10-N eleccións estatais (2)E Alcoa, vai ocupar moito espazo no debate?

Pois é outro exemplo dos prexuízos que nos causa a falta de soberanía política. Temos que estar a expensas das decisións que se toman no centro do Estado sobre a enerxía que producimos, e estamos a ver as consecuencias nefastas que iso ten para o desenvolvemento económico. Hai centos de postos de traballo pendentes dun fío polas promesas incumpridas do goberno español, pero tamén polas decisións políticas que tomaron tanto o PP como o PSOE, que son os amos e señores do deseño do sistema eléctrico español nas últimas décadas.

Como se conxuga desde o BNG a defensa do emprego en industrias contaminantes coa necesidade de fechar esas industrias para actuar contra o quecemento global?

O que falta é planificación. É o que vimos denunciando desde o primeiro momento. Sabíamos que isto ía chegar. Os gobernos non poden estar paralizados. Aquí en Galiza non se ten feito nos últimos dez anos ningún tipo de traballo de cara a unha transición ecolóxica xusta. Hoxe temos diante dos fociños unha realidade que vai deixar moitísimas persoas na estacada. Pedimos unha mesa de diálogo galega entre todos os sectores afectados. O que necesitamos é unha planificación a curto, a medio e a longo prazo para termos un país sustentábel en termos ecolóxicos e ao mesmo tempo garantir postos de traballo dignos nesta terra.

Non pode acontecer o que aconteceu co sector naval, que decisións políticas deixen comarcas enteiras convertidas en desertos.

Cal é a prioridade: manter os postos de traballo ou fechar as empresas insostíbeis?

Para nós o primeiro son os postos de traballo. Estamos falando en casos como o de Alcoa ou o de Endesa na Pontes do futuro de comarcas enteiras: 700 postos en Alcoa, 2.000 en Endesa. Non pode acontecer o que aconteceu co sector naval, que decisións políticas deixen comarcas enteiras convertidas en desertos. Nós pomos por diante os dereitos das traballadoras e dos traballadores, e o primeiro é ter dereito a un posto de traballo.

Que propostas específicas para a súa circunscrición salienta no programa do BNG?

Resolver o déficit en infraestruturas é o máis importante. O tren, e a A-54, esa autovía que leva 20 anos en construción e aínda non está rematada. Mais non podemos ver a Lugo como unha realidade illada, necesitamos ter unha voz forte. Nunca este país estivo tan ausente do debate político en termos xerais, e isto, con todo o escenario tan incerto que se abre coa crise territorial do Estado, ou mesmo con esa recesión que se anuncia… Nese escenario necesitamos ter unha voz forte que sitúe os intereses de Galiza no debate político fronte ao silencio atronador que viviu este país nas últimas lexislaturas.  

Cal é o obxectivo do BNG en canto a número de votos e escanos nestas xerais?

Non nos poñemos ningún límite. Queremos mellorar os resultados de abril e recuperar a representación do nacionalismo galego nas Cortes españolas.

O Estado español ten que sentarse coas representantes do pobo catalán. A solución, para o BNG, pasa por un referendo vinculante que permita exercer o dereito a decidir ao pobo catalán.

Cal é a súa análise do que acontece en Catalunya?

Malia que o Estado español intenta negalo, hai un conflito político enriba da mesa que ten que ser solucionado. E é un conflito político que vai máis alá da cuestión independentista, que obviamente é fundamental, pero que ten a ver tamén coa escasísima calidade democrática do Estado español. Toda a xestión que se fixo nos últimos días e o mantemento das detencións evidencian esa escasísima calidade así como a vulneración de dereitos fundamentais. Para nós, a solución a un conflito político é unha solución política. O Estado español ten que sentarse coas representantes do pobo catalán. Esa solución, para o BNG, pasa por un referendo vinculante que permita exercer o dereito a decidir ao pobo catalán.

Ve suficientes as mostras de solidariedade na Galiza dado o que se está vendo noutros lugares do Estado?

Quédome coas que se fixeron aquí na Galiza o mesmo día que saíu a sentenza. Estiven na de Compostela e participou bastante xente, o que dá conta da solidariedade que historicamente houbo aquí na Galiza cos demais pobos do mundo. Temos que ir empurrando desde os pobos do Estado para irmos avanzando colectivamente.

Que goberno vai saír das urnas o 10-N? Un goberno socialista que contará co apoio do BNG?

Unha das ideas sobre as que máis imos insistir na campaña é que temos que comezar a vernos desde nós mesmas. É dicir, a pensar desde aquí e desde os intereses que temos como galegas e galegos para termos unha representación forte como xa teñen vascos ou cataláns. Sobre os resultados, pois hai que ver o que acontece a partir do 10-N... eu non me atrevo a facer un prognóstico sobre a composición do goberno neste escenario tan convulso.

O BNG facilitaría un goberno de Pedro Sánchez se é chamado a ese acordo?

O BNG o que poñería é por diante de calquera decisión os intereses das galegas e dos galegos.