Néstor Rego defende a "independencia política e organizativa" na homenaxe a Reboiras

Néstor Rego defende a "independencia política e organizativa" na homenaxe a Reboiras
Homenaxe a Moncho Reboiras
Homenaxe a Moncho Reboiras  

O secretario xeral da UPG puxo en valor o "exemplo militante" do de Imo nuns tempos que definiu "de confusións" e "mistificacións". Neste senso, a UPG aposta en "dinámicas políticas propias" fronte ao novo período que se abre.


A Unión do Povo Galego (UPG) desenvolveu a súa tradicional homenaxe a Moncho Reboiras en Ferrol. Diante do portal número 12 da Rúa da Terra a organización política depositou un ramo de caraveis vermellos en lembranza do seu asasinato a mans da Brigada Político-Social. Posteriormente, os varios centos de persoas que acudiron ao acto baixaron até o Cantón onde tiveron lugar as intervencións políticas. 

A primeira en tomar a palabra foi Andrea Martíns, integrante do Comité Nacional da Unión da Mocidade Galega (UMG). No seu discurso, Martíns lembrou a figura de Moncho Reboiras e a súa participación no activismo sindical e na militancia política froito como un "rapaz que axiña descobre a realidade que atinxe o seu país". 

Neste senso, Andrea Martíns salientou algunhas das loitas que após trinta e nove anos do asasinato de Reboiras, continúan no centro das reivindicacións do nacionalismo. A defensa dun ensino público, de calidade, laico e en galego,  a loita polo dereito a un traballo digno e na propia terra ou a prol dos dereitos políticos e sociais foron algúns dos aspectos salientados na súa intervención. 

Após a quenda do portavoz municipal do BNG en Ferrol, Iván Ribas e da 'Oda a Moncho' cantada por Paco Montero, foi o secretario xeral da UPG, Néstor Rego, quen saudou @s asistentes. Rego lembrou o cincuenta aniversario da fundación da Unión do Povo Galego e a "masiva manifestación" decorrida no Día da Patria Galega como exemplo das "fortalezas" que posúe "o nacionalismo a pesar das enormes dificultades en que desenvolve a súa acción política", subliñou. 

"Independencia organizativa" fronte ao "discurso da unidade"

A respeito do actual momento político que describiu como un tempo de "confusión" e "mistificacións", Néstor Rego enxalzou o "exemplo militante de Reboiras" como parte das persoas que, dixo, "mantiveron e desenvolveron as liñas axiais" do proxecto nacionalista. 

O secretario xeral da UPG defendeu na súa quenda de intervención a independencia política e organizativa fronte ao  "discurso da unidade da esquerda" que está a agromar. Un discurso que "pode resultar tentador", afirmou, mais que é, acrecentou, "enganoso". Así se referiu ás propostas lanzadas nas últimas semanas a respeito da conformación de candidaturas cidadás de cara ás eleccións municipais de 2015. 

Neste senso, comparou a realidade política e social de 1964 cando, asegurou, "o máis fácil parecería deixarse arrastrar polo discurso de unidade fronte ao inimigo común" mais un tempo en que o nacionalismo, salientou, "se reorganizou e lanzou a súa propia batalla contra o réxime". Unha loita que comparou coa actual e que centrou na defensa da "soberanía nacional" de Galiza e na que dixo, "non hai treguas" nen "tampouco parénteses". 

O acto clausurouse coa entoación do himno galego e berros a prol dunha "Galiza ceibe" e "popular".