“Non estamos dispostos a que o Parlamento se converta nunha casca baleira”

“Non estamos dispostos a que o Parlamento se converta nunha casca baleira”
Vence, Adán e Jorquera diante do TC [Imaxe BNG]
Vence, Adán e Jorquera diante do TC [Imaxe BNG]  

O BNG presentou un recurso perante o Tribunal Constitucional polo recorte nos seus tempos de intervención na Cámara.


Xavier Vence, Francisco Jorquera e Carme Adán viaxaron esta segunda feira (27 de abril) até Madrid para presentar perante o Constitución un recurso de amparo. Desde a organización frontista denuncian que o recorte nos tempos de intervención e no número de iniciativas parlamentares constitúe unha "mordaza" ao pobo. 

Os cortes padecidos polo BNG foron o resultado dun acordo entre PP e PSOE co que redistribuíron os tempos das sesións parlamentares á fin de outorgar maior representación ao Grupo Mixto --creado após as cisións no seo de AGE. Naquela altura, o Bloque denunciou publicamente o pacto lembrando que o seu grupo mantén desde o inicio da lexislatura o mesmo número de representantes (7) e mesmo propuña aumentar as sesións plenarias de dúas a tres xornadas, garantindo así a presenza das dúas deputadas do Mixto sen diminuír os tempos das demais forzas.

Porén, a Presidencia da Cámara mantívose na súa proposta orixinal e o Bloque ficou sen a posibilidade mesmo de preguntar ao presidente da Xunta na sesión de control, un fito histórico sen precedentes. 

"Estanse a vulnerar os dereitos dos cidadáns"

No recurso presentado sinalan que se “está vulnerando o dereito do grupo parlamentar do BNG e de paso, estánse a vulnerar os dereitos dos cidadáns representados através dos parlamentares do BNG”, explicou o portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence. 

Aliás, acrecentou o voceiro do grupo parlamentar, Francisco Jorquera, “é unha decisión que se toma conculcando asemade as garantías procedimentais básicas, cambiando incluso normas en vigor para dar a esta decisión un falso revestimento de legalidade”. 

"Ao PP moléstalle a crítica e as propostas que fan formacións como o BNG”, sinalou Jorquera. Pola súa banda, a deputada Carme Adán lembrou a súa expulsión do pleno hai dous meses após negarse a intervir desde o seu escano e por un tempo non superior a 3 minutos en contra do disposto no Regulamento da Cámara. “Vivimos momentos de anomalías democráticas no Parlamento galego”, denunciou a parlamentar quen asegurou "non" estaren [email protected] a que o poder lexislativo "se converta nunha casca baleira". Pois, dixo, "considerámolo un espazo de debate e para elevar os problemas dos cidadáns".