“O modelo (para España) é Galiza"

“O modelo (para España) é Galiza"
[EN ACTUALIZACIÓN] Feixoo dedica a primeira parte da súa intervención no debate sobre o estado da nación a criticar a Pedro Sánchez e o PSOE e acusalos da "inestabilidade crónica" da política estatal. Feixoo promete un cheque bebé (polo terceiro fillo).

"Non fun nin serei nin son refén de ningún partido, nen sequera do meu", di Feixoo nun ataque a Pedro Sánchez e ao PSdeG, cuestión á que o presidente dedicou a primeira media hora do debate.

“Se a politica se entende como unha campaña electoral sen tregua, temos un problema de saúde democrátcia", advertiu o presidente antes de acusar o goberno socialista da "inestablidade crónica que vive a política estatal. “Pervertíronse as institucións, manipulouse o calendario electoral, secuestráronse recursos das autonomías que logo se utilizaron como chantaxe".

“Comparto o fastío dos españois, soportamos os peores catro anos da política da democracia", declarou Feixoo e retou: "pese as trabas, pese ao bloqueo, pese á inestabilidade, teremos orzamentos en data.

“Que está facendo España para evitar unha nova crise económica? A política ten que romper esta burbulla electoral”, interpelou Feixoo na segunda parte da súa intervención.

Deberes en Educación (para o próximo goberno do Estado)

Feixoo puxo Galiza como o exemplo para a Educación en España. Pediu un pacto estatal pola Educación, “demandado até a saciedade pero nunca materializado”.

E púxolle deberes ao próximo goberno de España. Gabou os programas plurilingües e sostivo que “multiplicamos case por 10 o número de alumnos que reciben clase en galego, castelán e unha terceira lingua”. Falou das materias de robótica, programación ou oratoria que se imparten no sistema galego e asegurou que no Informe Pisa Galiza está “mellor que a media de España”.

E rematou: “temos a escola máis inclusiva de España, queremos escolas libres de etiquetas e de adoutrinamento”.

Cheque bebé (polo terceiro fillo)

Fronte ao devalo demográfico, Feixoo propón un plan de apoio á natalidade que inclúe un cheque polo terceiro fillo de 2.400 euros por ano durante os tres primeiros anos.

“Hai máis prazas de escola infantil que nunca. Ampliamos o permiso de maternidade na Administración antes que os demais”, lembrou o presidente respecto dos feitos en políticas de conciliación. E avanzou as próximas políticas públicas neste ámbito: “Todos os concellos poderán ter un centro de conciliación. Haberá unha tarxeta benvida polo terceiro fillo, 2.400 euros anuais até os tres anos. Bonificaremos peaxes autonómicas para as familias numerosas...”

Galicia será a comunidade de referencia en conciliación, rotulou o presidente a terceira parte da súa exposición.

E prometeu máis e mellores servizos sociais. Entre as medidas: autobús de coidados porta a porta para 200 concellos de menos de 5.000 habitantes, e impulso das sete novas residencias nas setes cidades, “que satisfarán dúas terceiras partes da demanda”.

A este último proxecto sumouse a Fundación Amancio Ortega. 90 millóns para o patrimonio público de Galiza, dixo Feixoo, que se manifestou orgulloso de Inditex, “que cumpre con todas as súas obrigacións legais e tributarias”. E atacou de novo ao PSOE: “Como un partido pode criticar a doación para políticas sociais “e ao tempo incumprir coas súas obrigas coas políticas sociais desde o goberno?”

Menos asesores (no goberno) e máis xestores, aconsella Feixoo a Sánchez

“Queremos un goberno que goberne como se goberna Galiza”, insiste Feixoo nas súas críticas a Pedro Sánchez, o gran ausente do debate galego... O presidente leva hora e media salpicando o seu discurso de críticas ao goberno centro e o PSOE. Todo remite á mesma cuestión segundo Feixoo: “son as consecuencias económicas de que España leve máis dun ano en permanente campaña electoral”.

“Máis goberno de xestores, e non de asesores”, polemiza Feixoo.

A visión da Sanidade que ten o goberno Feixoo

“Nunca antes Galiza tivo unha mellor sanidade pública”, retou Feixoo á oposición antes de relatar unha serie de datos, adiantándose as previsíbeis críticas nas intervencións da tarde. Feixoo asegura que “hai mellore infraestruturas; hai menos espera media; hai máis vías rápidas”.

Tamén subliñou outros logos: “Mellorouse a capacidade de resolución en Atención Primaria, que é o servizo mellor valorado polos cidadáns”. E concluíu asegurando que “temos un 10% máis de orzamento para a Sanidade Pública”. E fixou para setembro a decisión respecto o lugar no que se levantará o futuro Hospital da Coruña.

Industria, a culpa é (tamén) de Sánchez

Volveu criticar o goberno de Sánchez na cuestión de Alcoa, e tamén na de Endesa. “Quen debería dar solucións aínda non fixo nada”, e advertiu que estÁ “en risco a actividade forestal que xera ingresos a 80.000 familias”.

Tamén anunciou unha lei de recuperación e posta en valor da terra agraria que, entre outras cuestións, promover rebaixa de impostos para sermos “unha referencia na dinamización fiscal do rural”.

O modelo é Galiza

O modelo é Galiza, reitera Feixoo, nunha continuada apelación á política estatal. Parece claro que o PP ten ben claro quen é o inimigo o 10N e nas galegas do 2020. A campaña de FeiXoo está lanzada: o modelo galego fronte á inestabilidade estatal. Un modelo que, segundo o presidente, reúne máis virtudes:  “un modelo que fronte á parálise e o desgoberno favorece o crecemento do emprego. Un modelo que é posíbel ademais pagando menos impostos...”

O presidente rematou como empezara, mirando cara fóra: “antes as incertezas internacionais e nacionais, a Xunta de Galiza garante seguridade e estabilidade”.