"Non hai planeta B. Unha marea verde para unha Galiza con futuro", lema de En Marea para o 25X

"Non hai planeta B. Unha marea verde para unha Galiza con futuro", lema de En Marea para o 25X
Villares, Seixas e Dios
Villares, Seixas e Dios  
O partido En Marea é hoxe unha formación vocacionalmente verde. Así emerxeu do plenario do pasado sábado. E así vaise manifestar con clareza o Día da Patria Galega. "A contaminación e a corrupción van da man na política industrial do PP de Galiza", denunciou Luís Villares esta sexta feira. "Reivindicamos unha patria con futuro, unha patria verde", dixo.

Non ten habido até agora ningunha forza política que dedicase monograficamente o Día da Patria Galega a defender o medio ambiente do país. Con esa idea forza tres dirixentes de En Marea –Adrián Dios, membro da coordenadora; Ana Seixas, viceportavoz; Luís Villares, portavoz– compareceron esta sexta feira en conferencia de imprensa para apresentar os actos que organizan para a xornada en que se celebra a condición de Galiza como nación. O lema co que a formación chama a participar no evento é suficientemente elocuente: "Non hai planeta B. Unha Marea verde para unha Galiza con futuro".

"Queremos orientar calquer reivindicación no eido nacional ao obxectivo de termos un meio ambiente sustentábel", afirmou Adrián Dios no pórtico da comparecencia perante os medios. Seixas, por súa parte, informou dos actos que En Marea prepara para o 25X. Terán lugar na Carballeira de Vista Alegre, darán comezo ás 12 horas e vanse prolongar até as 18 horas. É unha chamada a todas as persoas con conciencia nacional, feminista e ecoloxista, destacou a viceportavoz. Están convocadas activistas "na defensa das augas", da terra –coa loita contra a Mina de Touro como grande protagonista—e da procura de alternativas á economía do petróleo. Haberá espazos para as crianzas, obradoiros de construción de instrumentos a partir de materiais reciclados, sesión vermú, xantar de confraternización e, xa pola tarde, a apresentación do proxecto "Árbores que non arden".

Na intervención de carácter máis político, Luís Villares cargou contra as políticas de "destrución" do medio ambiente que, ao seu xuízo, ten despregado o PP de Feixoo. Dixo que nelas se maridan "a contaminación e a corrupción" e puxo como exemplo paradigmático o caso de Ence, coas "portas xiratorias" entre a empresa e o consello da Xunta.