“O voto do BNG dependerá en exclusiva dos intereses de Galiza”, di Néstor Rego

“O voto do BNG dependerá en exclusiva dos intereses de Galiza”, di Néstor Rego
Néstor Rego, no programa 'Al rojo vivo' (La Sexta), despois da reunión con Adriana Lastra.
Néstor Rego, no programa 'Al rojo vivo' (La Sexta), despois da reunión con Adriana Lastra.  
Néstor Rego, o deputado do BNG no Congreso español, entrevistouse está mañá con Adriana Lastra, ex portavoz socialista no Congreso e unha das líderes do PSOE encargadas de levar adiante os contactos coas distintas forzas parlamentarias para garantir a investidura de Pedro Sánchez. Rego falou ao remate da reunión da “actitude receptiva” do PSOE coas propostas nacionalistas, mais non definiu cal será o sentido do seu voto.

O día previo á recollida da acta como deputado no Congreso, devolvendo ao nacionalismo unha representación institucional de enorme relevancia e da que careceu nos últimos catro anos, Néstor Rego mantivo a súa primeira reunión importante. O PSOE chamou ao BNG para facer parte dun acordo amplo que garanta a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español o próximo mes de setembro. E as nacionalistas coñecen os beneficios que para Galiza reportan os pactos no plano estatal. Mais coas boas intencións non basta. Co escenario político revolto e os dous líderes dos partidos que apostan pola primeira coalición de Goberno en corenta anos de democracia en España moi debilitados tras os resultados do 10-N, as prevencións son maiores que nunca.

Malia a insistencia dos medios españois, Néstor Rego non revelou o sentido do voto das nacionalistas nunha investidura que aínda está no ar. “Foi unha primeira toma de contacto para buscar un posíbel acordo”, sinalou o deputado nacionalista ao remate da xuntanza con Lastra.

Rego recoñeceu certa “actitude receptiva” por parte do PSOE. “Mais non entramos en temas concretos”, matizou de inmediato. En calquera caso, advertiu que “o BNG non ten unha posición predeterminada e o voto a favor ou en contra dependerá de diversos factores”.

Entre eses factores, citou Rego o programa de Goberno que finalmente poidan presentar o PSOE e Podemos, a receptividade por parte dos negociadores socialistas da “axenda galega” que o BNG porá sobre a mesa, e “as dinámicas políticas a favor dun novo clima de diálogo coas nacións” que sexa quen de crear ese Goberno de coalición. 

“Están máis preto do si ou do non?”, preguntou un xornalista madrileño. “Xa se verá. Mais non nos gustaría ter que votar non”, concedeu Néstor Rego.

O deputado nacionalista, que nas pasadas eleccións do 10-N sumou máis de 57.700 votos na circunscrición da Coruña, tamén se referiu á coordinación entre as distintas forzas soberanistas chamadas a acordos polos socialistas. Néstor Rego negou que esa coordinación vaia determinar o voto do BNG. “O voto do BNG dependerá en exclusiva dos intereses de Galiza”, dixo. “Somos unha forza soberanista e loxicamente compartimos puntos de vista con outras forzas soberanistas das nacións do Estado, mais nós estamos no Congreso para defender os intereses da Galiza”, insistiu.

Rego tamén fixo referencia a que nesas conversas dos soberanistas co PSOE tamén se porán sobre a mesa outras cuestións alén dos dereitos nacionais dos pobos, en concreto, aspectos que teñen a ver coa regresión dos dereitos e as liberdades civís que se experimenta no Estado español. E falou da lei mordaza, das reformas laborais e da última norma gobernamental para controlar páxinas web.