PILAR CANCELA, NÚMERO UN DO PSOE POLA CORUÑA

“Non sería responsábel xerar expectativas a respecto dun Goberno con Podemos”

“Non sería responsábel xerar expectativas a respecto dun Goberno con Podemos”
Pilar Cancela. Abaixo, nun mitin en Compostela a terza feira.[Imaxes: PSOE]
Pilar Cancela. Abaixo, nun mitin en Compostela a terza feira.[Imaxes: PSOE]  

Pilar Cancela (Stuttgart, Alemaña, 1967), filla de emigrantes, licenciada en Dereito pola USC e funcionaria de carreira no Corpo Superior da Administración Galega, foi directora xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galiza entre 2002 e 2003 e durante o bipartito. Deputada en Cortes pola Coruña nas últimas tres lexislaturas, foi presidenta da Comisión de Igualdade do Congreso desde setembro de 2006 até marzo de 2019.


Nesta campaña curta está a ver decepción entre as votantes da esquerda?

É certo que hai unha decepción no sector máis progresista da poboación por non termos sido capaces de formar Goberno, mais tamén se está a producir un avance do centrodereita e iso será razón suficiente para mobilizar o voto de esquerdas. En abril era unha posibilidade que Vox estivese nas institucións, agora é unha realidade.

Mais o PSOE segue sendo reticente a dicir que pactará con Unidas Podemos?

A nós, o que nos transmite a xente é que ten que haber un diálogo entre as esquerdas para que se poida conformar un Goberno estábel e duradeiro. 

No debate televisivo Pedro Sánchez non deixou claro se esas son as intencións do PSOE?

Eu creo que é unha cuestión de responsabilidade. Primeiro hai que respectar a vontade que a cidadanía exprese nas urnas. Non sería bo poñer enriba da mesa fórmulas das que, en todo caso, haberá que empezar a falar despois do 10-N. Nós pensamos que canto máis forte estea o PSOE, máis posibilidades hai dun Goberno estábel. Non sería responsábel xerar expectativas a respecto dun Goberno con Podemos. Os resultados marcarán as posibilidades de diálogo. O que si temos claro é que non haberá pacto co PP, esa gran coalición da que está a falar, porque as nosas políticas e a nosa visión da sociedade é oposta.

O que si temos claro é que non haberá pacto co PP, esa gran coalición da que está a falar, porque as nosas políticas e a nosa visión da sociedade é oposta.

Daquela será iso o que determine a formación dun Goberno: evitar que goberne a dereita?

Si. A nosa prioridade sempre é falar coa esquerda. Nunca nos pechamos ao diálogo coas outras forzas de esquerda. E témolo demostrado no ámbito municipal, no galego e no estatal. Entendemos que é desde as políticas de esquerda desde onde se poden afianzar dereitos e liberdades e avanzar na conquista doutros. A nosa opción é clara: aglutinar ao redor do PSOE unha maioría de esquerdas.

As enquisas dan un empate técnico entre o PSOE e o PP nas porcentaxes de apoio e tamén no número de escanos na Galiza. Que factor cre que pode desfacer ese empate, se hai algún, nos últimos días da campaña? 

A mobilización. A participación. Pensamos que canto maior sexa a participación, máis opcións teremos as socialistas de obter unha vitoria na Galiza. Sempre hai unha correlación directa entre a participación e a fortaleza do PSOE e da esquerda en xeral.

Se volven derrotar o PP, ve máis probábel derrotar a Feixoo nas próximas galegas?

Si, precisamos dun resultado contundente para demostrar que neste país hai alternativa a un Goberno da dereita, para demostrar que non hai que conformarse con que goberne Feixoo, un presidente que está absolutamente afastado da realidade cotiá das galegas e dos galegos. Nin coñece a realidade galega nin lle importa. É posíbel que as esquerdas nos entendamos na Galiza nun proxecto liderado polo PSdeG.    

Fronte a quen di que o Estado das Autonomía está esgotado, as socialistas dicimos que España é un Estado moi descentralizado e que se pode seguir camiñando nesa dirección. É posíbel convivir nun Estado unitario que recoñeza as diferenzas. 

Como sentou no partido na Galiza esas dúbidas de Ferraz a respecto de manter a aposta federalista no programa para o 10-N?

Eu creo que o PSOE nunca mudou de posición. Sempre avogamos polo federalismo e entendemos que España non é un país dunha única visión, é un país con múltiples visións. Un país plurinacional, con identidades diferentes en territorios diferentes e iso respéctase no propio texto constitucional. Fronte a quen di que o Estado das Autonomía está esgotado, as socialistas dicimos que España é un Estado moi descentralizado e que se pode seguir camiñando nesa dirección. Na Galiza, por exemplo, hai moitas transferencias por reclamar. É posíbel convivir nun Estado unitario que recoñeza as diferenzas históricas, lingüísticas e culturais. 

Pensa que se está entendendo a política de transición ecolóxica que impulsou o Goberno nunhas comarcas nas que os feches de empresas e os despedimentos condicionarán o futuro de moita xente?

Pilar Cancela FOTO ENTREVIS 2En primeiro lugar, penso que as políticas de transición ecolóxica non teñen volta atrás. Toda a Unión Europea vai por ese camiño e temos que ser responsábeis coas xeracións futuras. Evidentemente todo iso hai que combinalo cunha política industrial que a Xunta de Galiza non fixo nos últimos anos. Non houbo plan nin acción política que reforzase o noso sector industrial. En todo caso, estamos na situación que estamos e hai que ofrecer solucións que empezan por controlar o prezo da enerxía. O obxectivo inmediato é aprobar o estatuto para as industrias electrointensivas. E, polo que respecta a Endesa, dado que foi decisión da empresa fechar pola suba do prezo dos dereitos de emisión, a solución pasa por buscar alternativas con outros combustíbeis para que siga funcionando nunha transición ordenada e xusta. E gustaríame engadir unha cousa moi importante...

Conte.

No seu momento, a Xunta de Galiza gobernada por Emilio Pérez Touriño sacou adiante un concurso eólico que despois foi derrubado polo Partido Popular. Aí perdemos a gran oportunidade para o noso país. E cada quen debería recoñecer agora os erros que cometeu.

Por que o AVE segue sendo mercadoría electoral?

O cumprimento dos prazos do AVE só se pon en cuestión cando está o PSOE no Goberno do Estado. Só nese momento. E o que dixo hai uns días o ministro de Fomento en Lugo foi que o AVE estará funcionando en 2021. E vai ser así. Vanse cumprir os prazos. Sabe por que? Por unha razón fundamental, nos últimos anos de orzamentos do PP no Estado asinábanse unhas partidas pero despois deixábase sen executar 46%. Vendíase fume. O PSOE comprométese a que se execute. E as socialistas galegas estaremos pendentes de que se faga.