Noriega defende crear unha marea galega e confía na confluencia co BNG

Noriega defende crear unha marea galega e confía na confluencia co BNG
Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]
Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]  SG

Asegura que as candidaturas de unidade popular demostraron “un potencial terrible” nas municipais e mostrouse partidario de repetir a fórmula nas eleccións xerais e autonómicas. 



O próximo alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, defendeu este domingo a creación dunha marea galega de cara as eleccións xerais e autonómicas. Noriega mostrouse confiado de que o Bloque acabará sumándose ao movemento de unidade popular.

“O BNG ten moito que aportar a este proceso, mentres entenda que é un capital que pon a un espazo mestizo para o país”, dixo o candidato de Compostela Aberta nunha entrevista na Cadena Ser. “O tempo dirá se conseguimos co BNG esa gran mesa de unidade popular para cambiar as cousas, eu creo que si”.

Noriega insistiu en repetir a fórmula das municipais, que demostraron “un potencial terrible”, de cara as eleccións xerais e autonómicas. “Non só os partidos poden ser promotores, aí ten que existir un motor cidadán”, afirmou.   

Descartou que aspire a encabezar una hipotética candidatura. "O mandato que temos en Santiago é de suficiente entidade para que eu estea absolutamente centrado neste proceso como alcalde da capital de Galiza.

O futuro rexedor compostelán manifestou que pon “a man no lume” por todos os membros de Compostela Aberta, e considerou que a existencia destas candidaturas son froito dunha “reacción á corrupción”. Asegurou que o seu salario anual como alcalde non superará os 36.000 euros netos, a metade do que cobra o actual rexedor do PP.