O ACTIVISTA PUBLICA UN LIBRO SOBRE “VERDADES SILENCIADAS” NA POLÍTICA

O 'Como nos venden a moto' de Manuel Monge

O 'Como nos venden a moto' de Manuel Monge
Imaxe histórica do actual Rei de España (á esquerda) saudando a Franco (dereita) en presenza do Rei emérito Juan Carlos I. Aparece na cuberta do último libro de Manuel Monge. Foto: cedida.
Imaxe histórica do actual Rei de España (á esquerda) saudando a Franco (dereita) en presenza do Rei emérito Juan Carlos I. Aparece na cuberta do último libro de Manuel Monge. Foto: cedida.  

Unha frase de Noam Chomsky serve como disparador ao profesor, sociólogo e activista Manuel Monge: “É responsabilidade dos intelectuais dicir a verdade e expoñer as mentiras”. Con esa palabra de orde deseñou o seu novo libro, Guía para non perderse en política. 120 realidades silenciadas, que Edicións Laiovento vén de colocar nas librerías.


“Avanzo algunhas desas verdades ou realidades silenciadas [das que trata o volume]”, explica Monge, colaborador de Sermos Galiza, no Limiar do volume, “o franquismo foi unha ditadura criminal; en Galiza non houbo guerra civil, senón un xenocidio; as mulleres sufriron unha dupla represión; Franco era un ladrón e un corrupto; os crimes do franquismo aínda están impunes: o ditador Franco elixiu a Juan Carlos como o seu sucesor; Juan Carlos tiña un grande afecto e admiración polo ditador; o rei Juan Carlos foi o inspirador do 23-F; os Borbóns viven como deus; a monarquía está blindada”.

Por baixo das máis de 400 páxinas da obra respira, a maiores, unha crítica frontal contra a maioría dos medios de comunicación. Por exemplo: “Comprendín que Feixóo estaba blindado informativamente, e que isto non ten nada que ver coas traballadoras e traballadores dos medios de comunicación, senón coa política empresarial”.

guía para non perderse en política (cuberta) - manuel monge

Igual que Chomsky e Ignacio Ramonet desarmaran un feixe de embustes oficilizados pola comunicación social maioritaria no emblemático Como nos venden a moto (1995), Monge (Laguna de Duero-Valladolid, 1947) pretende destapar aquilo que o bloque dominante preferiría que pasase desapercibido. E faino sobre todo con vocación divulgadora.

“Quero que sexa un libro para todos os públicos, independentemente da súa idade, ideoloxía ou pensamento político, e que este modesto traballo sirva como unha especie de manual de consulta para orientarse en política”, afirma o autor, “Biblia do antifranquismo para acceder a unha información que, lamentablemente, non está moi difundida”. E, como bo activista á hora de sentar a escribir, agarda que esta Guía contribúa “á acción, a cambiar as cousas”.

Monge organiza as 120 realidades silencias ás que fai referencia o subtítulo en dous grandes bloques. O primeiro leva por epígrafe Acabamos coa ditadura, pero aínda quedan restos do franquismo. O segundo, Unha monarquía impresentábel e corrupta. A partir deles esmiúza os pecados orixinais da actual democracia parlamentaria cun atento e indagador repaso da hemeroteca e certa bibliografía alternativa.

Antes desta Guía para non perderse en política, o sociólogo xa publicara outros libros na mesma liña. Especialmente cinco dos seis que publicou entre 2014 e 2016: O “camarada Fraga” e as vítimas da represión franquista (Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, 2014); O poder na Coruña. De Vázquez a Negreira (Laiovento, 2015); Indecencias e corruptelas (Corsárias, 2015); Os Borbóns: unha monarquía escandalosa. A Herdanza do franquismo (Laiovento, 2016) e O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro (Laiovento, 2016).