Unha nova lei para sortear o veto da Moncloa á transferencia da AP9

Unha nova lei para sortear o veto da Moncloa á transferencia da AP9

Un traxe a medida. Iso é o que pactaron os grupos parlamentares galegos para contornar o veto do Goberno estatal á transferencia da AP9. 


A próxima semana, o Pleno do Parlamento galego submeterá a debate e aprobará por unanimidade unha nova proposición de lei para conseguir a transferencia da AP9 á Administración galega. Así o acordaron os catro grupos parlamentares con representación no Pazo do Hórreo.

Trátase de enviar a Madrid un texto que non sofra o veto da anterior proposición de lei sobre esta cuestión, varada na Mesa do Congreso polo bloqueo da Moncloa.

A principal alegación do Goberno de Rajoy contra a proposición de lei orixinaria é que comportaba un incremento dos gastos no orzamento do Estado ao prever o resgate da infraestrutura.

Para evitar que este argumento volte a ser esgrimido, a nova proposición non de lei inclúe unha disposición adicional para garantir que o cambio de titularidade non conleve ningún incremento dos créditos orzamentarios nen tampouco nengunha diminución dos ingresos.

Aliás, retírase a cláusula da lei que urxía á realización da transferencia nun prazo máximo de 6 meses.

As forzas políticas da oposición agardan agora que o PP non practique un dos seus deportes favoritos, votar na Galiza unha cousa e en Madrid a contraria, e, portanto, non veten no Congreso a nova proposición.

O BNG -por boca de Ana Pontón- quixo facer patente que, embora non aparecer na nova lei, a formación frontista non renuncia á súa reivindicación da eliminación das peaxes.



x