OPOSICIÓN DO SECTOR Á NOVA PAC

A nova PAC desmantela o agro galego en beneficio das grandes corporacións

A nova PAC desmantela o agro galego en beneficio das grandes corporacións
O agro galego ante a nova PAC
O agro galego ante a nova PAC  

Representantes do sector agrario galego denuncian que a reforma da PAC pretende servir de base para fomentar o modelo de agricultura intensiva, concentrado a produción en grandes empresas fronte a un modelo de agricultura social.


O informe sobre a reforma da Política Agrícola Común (PAC) resultou aprobado na votación efectuada na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo. A Federación Rural Galega (Fruga) xa sinalara en declaracións a Sermos Galiza a través de Manuel Da Cal que as consecuencias da PAC na Galiza "foron a destrución masiva de explotacións e a desertización do rural”.

Para o representante da Fruga estas son consecuencias lóxicas cando a PAC “é un instrumento das multinacionais agroalimentarias para os seus intereses”. A súa reforma por parte da Comisión non convence a Fruga. Da Cal xa advertira de que “vai ser máis do mesmo ou mesmo peor”.

Co pretexto de ofertar solucións ambientais, a reforma da PAC potencia a denominada “agricultura de precisión”, baseada nunha modernización tecnolóxica, unicamente alcanzábel para os xigantes empresariais, segundo denuncia Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego. “Visten de verde medidas que non coidan o medio e que envían enormes fondos para as grandes corporacións, como esta nova PAC”, afirma Vilalba.

Miranda e Senra, en contra

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, participou na votación e explicitou que o BNG non dá o seu apoio ao se tratar dun documento que esquece as labregas e labregos de Galiza e que e só atende aos grandes terratenentes. Para a eurodeputada nacionalista, o informe aprobado só beneficia as grandes explotacións e prexudica o modelo de explotacións agrarias galegas, ademais de “non respectar a biodiversidade nin a protección do medio”. O Bloque subliña que a reforma da PAC debería servir para facer unha distribución dos fondos máis xusta e garantir uns ingresos dignos para a xente do agro.

A eurodiputada Lídia Senra votou en contra denunciando que a nova PAC suporá unha "continuidade das políticas agroindustriais”. Senra considera esta reforma non só non evoluciona nin se adecúa aos retos actuais, senón que “nin tan sequera introduce ningún tipo de modificación que apunte unha mínima vontade de mudar as políticas que teñen levado ao contínuo peche de explotacións agrarias no territorio europeo”.