O novo logo do PP, entre a continuidade e ... os 'memes'


O novo logo do PP, entre a continuidade e ... os 'memes'

A imaxe corporativa do Partido Popular mantén a gaivota e incorpora o círculo. As redes sociais ferveron coas montaxes.

Pablo Casado e Fernando Martínez-Maíllo, dúas das novas facianas do Partido Popular após as mudanzas introducidas por Rajoy, presentaron o novo logotipo da formación que se estreará na Conferencia Política desta fin de semana. 

O PP mantén a gaivota, símbolo ou emblema desde a súa fundación en 1989. Porén, anova a súa tipografía e incorpora o círculo como reflexo, din, da súa centralidade. "Moderna" e "reformista", así describiron os responsábeis de Comunicación e vice-secretario de organización en comparecencia de imprensa, a organización coa que, din, queren "liderar o cambio en España". 

Porén, o PP rexeita aprobar un procedemento de escolla interno en forma de primarias como demandan algúns sectores do partido, entre eles Esperanza Aguirre ou as súas mocidades, Novas Xeracións. 

Após coñecerse a nova imaxe corporativa do PP, máis "conceptual", sinalan, as redes sociais ferveron en montaxes ou memes que o propio Pablo Casado empregou na presentación. Os sobres, o círculo de Podemos ou deseños coa cara do seu presidente, Mariano Rajoy, foron partillados con celeridade en Twitter e Facebook.