O BNG da Coruña, contra o aproveitamento de auga da balsa mineira de Meirama


O BNG da Coruña, contra o aproveitamento de auga da balsa mineira de Meirama
Apuntan @s nacionalistas que o abastecemento na cidade está garantido, pois os datos falan incluso dunha caída do consumo, e subliñan que detrás do proxecto da Xunta está a explotación hidroeléctrica

Ollando os datos sobre o consumo de auga que fai a cidadanía da Coruña, o grupo municipal do BNG vén de cuestionar as intencións do proxecto Abastecimiento del área metropolitana de A Coruña a partir del lago artificial de la central de Meirama. Din @s nacionalistas que o abastecemento "non se ve ameazado". Por contra, os datos actuais reflicten unha caída no consumo deste ben, polo que apuntan cara a outra intención: "a explotación hidroeléctrica deste trasvase de auga".

Con todo, a formación frontista exixe á Xunta que garanta que as augas que irán parar ao río Barcés procedentes da balsa ácida que se construíu na central de Meirama após finalizaren as labores de explotación mineira sexan tratadas previamente, pois subliñan que "ningunha das tres opcións de Augas de Galiza" garante o tratamento desas augas. É dicir, Emalcsa --que xestiona o servizo de abastecemento na Coruña-- e Augas de Galiza pretenden, co apoio xa asinado do conselleiro de Industria Agustín Hernández e do rexedor municipal Carlos Negreiras, aproveitar para o consumo humano a auga acumulada nunha balsa mineira "sen que á vista do BNG se recollan medidas para garantir a calidade da auga".

Na mesma liña xa se pronunciara Adega, que denunciou outras "importantes eivas" que aparecen na iniciativa e que non foron contempladas pola Xunta. Así, o colectivo dubida da calidade das augas que proveñen dunha balsa mineira, ácidas e cunha alta concentración de metais pesados --nomeadamente arsénico--; cuestionan que "millóns de metros cúbicos" desas augas vaian parar a unha zona húmida protexida; e subliñan que tirar adiante con este proxecto suporía "o incumprimento" do Plano Hidrolóxico, que non permite novos aproveitamentos hidroeléctricos nas bacías de Galiza-Costa, agás repotenciacións e modernizacións.

Por todo o anterior, Adega quere saber como é que se presenta un plan destas características "sen que haxa unha concesión administrativa previa para a explotación dos quilovatios". Nesta liña, confía a asociación en que a Xunta non reactive unha concesión para o Barcés solicitada durante a administración Fraga pola empresa Hidroeléctrica del Arnoya, que recibiu "numerosas concesións a dedo posteriormente investigadas pola Fiscalía Anticorrupción". Socio da empresa era o cuñado de Ramón Ordás, director xeral de Industria entre 1999 e 2005, e encargado de supervisar os proxectos eólicos e hidroeléctricos outorgados pola Xunta durante eses anos. Foi investigado por tráfico de influencias e prevaricación aínda que o xulgado de Instrución nº1 da Coruña sobreseu a causa en abril de 2010 ao non ver indicios de delito nas adxudicacións.