O BNG propón unha placa de homenaxe aos Mártires de Carral en Compostela

O BNG propón unha placa de homenaxe aos Mártires de Carral en Compostela
[imaxe: cedida]. De esquerda a dereita: Nadia Rivas, Lucho Penebade e Goretti Sanmartín
[imaxe: cedida]. De esquerda a dereita: Nadia Rivas, Lucho Penebade e Goretti Sanmartín  

O BNG recreou a proclama de Antolín Faraldo para a constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galiza no mosteiro de San Martiño Pinario. O acto foi unha forma de reclamar a implementación dun rótulo homenaxeando aos Mártires de Carral.


O Bloque Nacionalista Galego vén de organizar un acto simbólico ao pé do mosteiro de San Martiño Pinario, en Compostela, co obxectivo de reclamar a instalación dunha placa en homenaxe aos Mártires de Carral como forma de recordar os acontecementos da Revolución Galega de 1846. O actor Lucho Penebade interpretou a proclama de Antolín Faraldo para a constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galiza.

Con esta acción, a forza nacionalista busca reivindicar a memoria colectiva do pobo galego. Neste sentido, a candidata á alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, afirmou que “hai que recoñecer Compostela como o escenario onde a Xunta Superior do Reino de Galiza fixo a proclama contra os impostos, a centralización e os abusos do poder”.

O BNG tamén avoga pola recuperación destes capítulos históricos en aras de crear un sentimento de país. Así pois, Sanmartín expresou a necesidade “de que se coñezan estes episodios e o seu significado para crear un sentimento colectivo de pertenza a un pobo diferenciado”. Un pobo que, segundo explica, loitou contra a discriminación e un trato colonial por parte das Cortes españolas.

Denuncia á Xunta Electoral

A candidata á alcaldía aproveitou o acto para denunciar o impedimento da Xunta Electoral Provincial á realización dunha homenaxe aos Mártires de Carral. O vindeiro 27 de abril estaba prevista a representación teatral dun texto de Manuel María sobre os mártires e a revolución, organizada pola plataforma cidadá Vía Galega. Sanmartín respondeu a esta negativa declarando que “parece que volvemos seguir en tempos de represión e silenciamento para non facer posíbel as ideas e esa liberdade de expresión que reivindicamos”.