O goberno quer blindar a Rajoy do escándalo dos pagamentos apelando a que é "un exemplo de vida recta"

O goberno quer blindar a Rajoy do escándalo dos pagamentos apelando a que é "un exemplo de vida recta"
Rajoy e ministros
Rajoy e ministros  SG
A portavoz do goberno español, Soraya Sáenz de Santamaría, adicou boa parte da súa comparecencia após o Consello de Ministros a apelar ás bondades do presidente Mariano Rajoy (vida recta e exemplar") fronte a unha posíbel implicación en irregularidades. Nas redes sociais xa piden, con sarcasmo, a beatificación de Rajoy

Os papeis de Bárcenas non están a afectar ao goberno español. E, aliás, o presidente Mariano Rajoy é un compendio de virtudes que fai impensábel que poida estar relacionado co escándalo de pagamentos en B. Eis o argumentario esgrimido esta sexta feira pola portavoz do executivo central, Soraya Sáenz de Santamaría, ante o escándalo xerado a nivel internacional polas informacións desveladas por El País.

Na súa comparecencia, Santamaría afirmou que "este goberno é estábel, tanto pola súa maioría parlamentar como polo feito de que fai o que ten que facer". Nesa liña contou co apoio do ministro de Economía, Luis de Guindos, que aseverou que o escándalo "non ten un impacto significativo no mercado".

Rajoy: "ejemplar" e "dedicado"

A portavoz tamén quixo blindar ao presidente español, adicándolle toda unha serie de calificativos que farían imposíbel que poidese ter relación con conductas non legais. Así, Santamaría afirmou que Mariano Rajoy ten "unha conducta exempla", alén de ser "un exemplo de vida recta e adicada ao servizo público". Nos doce anos que leva traballando con el, prosegui Soraya Sáenz, "nunca lle vin saltarse unha norma".

Para saber o que opina Mariano Rajoy sobre o escándalo que está nas portadas de xornais de todo o mundo haberá que esperar a este sábado. Rajoy dará a coñecer a súa opinión na xuntanza que con carácter extraordinario vvai manter o Comité Executivo Nacional do PP.

 "Beatificación de Rajoy, xa!"

As palabras da portavoz do goberno xa xeraron un regueiro de reaccións nas redes sociais, onde máis dun piden a "beatificación xa" de Mariano Rajoy polo cúmulo de virtudes que atesoura. Tamén hai quen propón que, con esa "vida recta e exemplar", o fagan demitir de presidente para poñelo á fronte dun mosteiro.