O PP volta por segunda vez á alcaldía de Vilamartín sen pasar polas urnas

O PP volta por segunda vez á alcaldía de Vilamartín sen pasar polas urnas
María Jesusa Candal, a nova Alcaldesa,
María Jesusa Candal, a nova Alcaldesa,  
Os populares da localidade valdeorresa apoiáronse en dous dos tres concelleiros de Alternativa Popular Galega, a marca branca do PP, para arrebatarlle o bastón de mando ao xa exalcalde, o socialista Enrique Álvarez.

Centos de veciños ateigábanse ante o Centro Cultural Santa Lucía, onde se tivo que celebrar o pleno municipal de Vilamartín de Valdeorras. O ambiente xa anunciaba unha sesión plenaria quente.

Pese á ameaza de bomba que obrigou á garda civil ao desaloxo, minutos antes da hora marcada para o comezo, a corporación municipal puido reunirse para votar a moción de censura, único punto da orde do día.

A sesión estivo marcada polas continuas interrupcións desde o público con berros en contra da moción e insultos á que ía ser alcaldesa. Tanto foi así que a secretaria municipal ameazou en varias ocasións con chamar “ás forzas e corpos de seguridade do estado”.


Logo de ser presentada a moción aludindo a ingobernabilidade, era a quenda do que abandonaba a alcaldía, que tivo palabras para cada un dos concelleiros do PP e de APGa, lembrando a “pésima xestión na pasada lexislatura que levou ao concello a acumular 1.360.000 € de débedas”. Tamén lembrou os 800.000 euros que o PP pagou á única empresa que acometeu obras durante o seu mandato, Petrolan. O propietario desta empresa e exconcelleiro do PP “chegou a cobrar até por obras que non se chegaron a realizar coma as pistas de Valencia do Sil que custaron 26.000 € ás arcas municipais”. Enrique Álvarez nomeou tamén as multas que se amorean no concello polas obras realizadas na parroquia do Robledo que tiveron no seu día o beneplácito da Deputación de Baltar. Álvarez rematou a súa intervención asegurando que “eso aquí se lle chama roubar, por iso estaremos vixiantes”.

Nunha posición complicada estaban os dous concelleiros de APGa e exmilitantes do Partido Popular, así que os berros dos asistentes ceibáronse varias veces neles. “Primeiro gobernastes co Candal, logo andivestes a pedir o voto polas casas para que non gobernase a filla, e agora vendedes os vosos votos”, dixo o alcalde saínte.

Entre os asistentes estaban os alcaldes e concelleiros do PSOE do oriente ourensán, así como os cargos orgánicos do BNG comarcal. Pero destacaron mais as ausencias, como a do PP provincial, que abalou a moción de censura, ou a do concelleiro Francisco Quintas, o responsable de arengar a excisión do PP baixo as siglas de APGa no 2.011 e que non firmou a moción presentada o pasado 9 de xaneiro.

Finalmente, entre berros do público, foi entregado o bastón de mando a María Jesusa Candal, que non perdeu o sorriso até cando o albordo non lle deixou falar. A nova alcaldesa colleu o cetro que xa lle arrebatara ao seu proxenitor na anterior lexislatura asegurando que “é o do meu pai”.

Os seis concelleiros da dereita vilamartinesa tiveron que abandonar o Centro Cultural escoltados logo de que a Garda Cilvil fixera un cordón para afastar á veciñanza que seguía a increpar ao novo goberno.