O PP impide que Rueda explique por que a Xunta destruíu os contratos con empresas de Marcial Dorado


O PP impide que Rueda explique por que a Xunta destruíu os contratos con empresas de Marcial Dorado

A forza maioritaria veta que Alfonso Rueda dea explicacións pola destrución dos contratos da Xunta con empresas de Marcial Dorado. Os grupos da oposición denuncian a "falta de transparencia" e exixen a Feijóo que "diga a verdade"

O Partido Popular impide que o vice-presidente da Xunta compareza en sesión parlamentar para explicar "a destrución dos contratos da Xunta con empresas de Marcial Dorado". A solicitude de comparecencia que foi presentada polo grupo socialista --co apoio de BNG e AGE-- foi rexeitada pola forza maioritaria. 

Para o PSdeG a comparecencia de Alfonso Rueda debía dar conta das afirmacións verquidas por Núñez Feijóo no pasado pleno cando asegurou que os contratos anteriores a 2003 foran destruídos "incumprindo a Lei de Patrimonio", sentenzou o voceiro socialista Abel Losada. O portavoz do PSdeG engadiu que a realidade é que Feijóo ten tendido un “labirinto de escuridade e mentiras para xustificar a súa inxustificable relación” cun narcotraficante nos anos 90.  

A oposición centrará as preguntas de control ao presidente na relación deste co narcotraficante Marcial Dorado

Para o voceiro de AGE o PP procura "desacreditar aínda máis" a Cámara co seu comportamento converténdoo, dixo Beiras, "nun recinto amurallado" encirrado en "cuestións burocráticas e de protocolos". 

O PP di que "non hai nada que explicar"

Segundo Pedro Puy "non hai nada que explicar" porque "xa está todo explicado". @s populares rexeitan que após a comparecencia do presidente da Xunta --hai xa máis dun mes-- [email protected] representante do executivo galego suba ao plenario para explicar os novos dados tirados ao respecto. Neste senso, os grupos da oposición exixen que o presidente galego "esclareza a súa verdadeira relación" con Dorado --asegurou o portavoz do BNG, Francisco Jorquera-- habida conta que este "non respondeu ás preguntas da oposición sobre o número de viaxes, lugares e pagamentos das mesmas". Como tampouco, dixo, esclareceu "o papel de Félix Pancorbo" --avogado do narco-- "de Pablo Crespo" e "doutros implicados na trama Gürtel" no vínculo entre o PP e Dorado. 

Malia que o vice-presidente da Xunta non comparecerá no pleno, as preguntas de control ao Goberno na vindeira sesión plenaria estarán centradas no escándalo da amizade entre Núñez Feijóo e o narcotraficante arousán, Marcial Dorado