BNG exixe a supresión das deputacións por "caducas, obsoletas e caciquís"


BNG exixe a supresión das deputacións por "caducas, obsoletas e caciquís"

O PP veta a súa toma en consideración na Cámara pois segundo o partido maioritario a administración provincial "é útil" e garante "un nivel mínimo de servizos" para os pequenos concellos. En troca, BNG, AGE e PSdeG denuncian estes entes por "caducos, obsoletos e caciquís".

As deputacións provinciais están no punto de mira. E xa levan tempo. Creadas no século XIX son administracións dun Estado centralista que procura implementar un modelo territorial baseado nunha estrutura administrativa uniformada que nada ten a ver coa organización do territorio propia da Galiza, asentada nas parroquias e comarcas como unidades supramunicipais. 

Jorquera (BNG): "A deputación de Ourense contratou a 542 persoas en 2010, iso si, case todas vencelladas ao PP. Isto non foi posíbel só polas características de Baltar senior, senón porque o PP o alentou e lle deu soporte"

Neste senso, e ao abeiro da reforma prevista polo executivo de Mariano Rajoy, o grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego presentou na Cámara unha proposición de lei para a súa elevación ao Congreso español. Para @s nacionalistas as mudanzas previstas polo Partido Popular no anteproxecto de lei de racionalización e sustentabilidade da administración local, constitúen "un instrumento máis" da "ofensiva recentralizadora" iniciada pola dereita española e galega na procura de "concentrar o poder político e económico" e, ao tempo, "desmantelar os servizos públicos" fornecidos de maneira directa polos concellos. 

Unha reforma "recentralizadora" que perpetúa o caciquismo

A reforma impulsada polo ministro Cristóbal Montoro, blindará as deputacións e mesmo reforzará as súas competencias. Desde o Bloque, o portavoz parlamentar Francisco Jorquera criticou con dureza que a proposta popular procura "limitar a capacidade autónoma de Galiza" mais tamén, indicou, "impedir que desde as localidades se poidan artellar políticas alternativas" ás neoliberais. Así, demandou o apoio do goberno de Núñez Feijóo para iniciar unha "reforma administrativa de Galiza" que free o "desenvolvemento abusivo por parte do Estado" de limitacións á autonomía galega. 

Yolanda Díaz (AGE): "Pretenden controlar a todos os municipios con estes entes que son niño de corruptelas e inútiles para Galiza"

"Trátase de racionalizar e eliminar duplicidades", salientou o nacionalista cará á "definitiva desaparición dunhas administracións obsoletas, caducas" que foron e son, sentenzou "ferramenta para perpetuar o caciquismo". As bancadas populares remexéronse cos exemplos expostos polos grupos da oposición. As contratacións ilegais na Deputación de Ourense, o financiamento de proxectos partidistas ou a asignación do 80% dos fondos provinciais ao "pagamento de gastos correntes" como acontece no Inorde serviron a BNG, AGE e PSdeG defenderen a supresión das administracións provinciais ás que acusaron de ser "niño de corruptelas", aseverou a deputada de AGE, Yolanda Díaz. ç

O PP defende "a utilidade" das deputacións fronte a unha oposición que exixe a súa supresión

A deputada popular, Paula Prado defendeu a negativa do seu partido a considerar a proposta nacionalista argüíndo que esta só procuraba facer "política de titulares". 

Sestayo (PSdeG): "É responsabilidade da Cámara contribuír a democratizar a estrutura administrativa como demanda a cidadanía na rúa"

"Vostedes xeran un debate artificial que non está na rúa", aseveraba a ex-concelleira de Santiago de Compostela mentres loubaba a utilidade das administracións provinciais "en tempos de crise". Para @s populares a proposición de lei achegada polo BNG vulneraría "a autonomía local constitucionalmente estabelecida" e deixaría "aos concellos máis pequenos" sen os servizos públicos máis básicos pois, ao entender de Prado termos municipais con menos de 20.000 habitantes non poderían facer fronte aos investimentos que si desenvolven as Deputacións. En grande medida, porque os fondos públicos procedentes da Xunta de Galiza e a administración central supoñen o 80% dos orzamentos provinciais, como lle lembraron desde os grupos da oposición. 

"Ao servizo de quen están vostedes?" lle espetou o nacionalista na quenda de réplica apelando á negativa do executivo galego de "defender os intereses de Galiza" fronte á "invasión competencial" do Estado. Neste senso, a socialista Beatriz Sestayo acusou ao PP de “empregar o rodillo” para frear debates que di son trascendentais “para este país e para este pobo” ao se opor a "democratizar a estrutura administrativa como demanda a cidadanía".