A Mesa basea o veto á PL de autodeterminación en que incide sobre "materias reguladas" na Constitución

A Mesa basea o veto á PL de autodeterminación en que incide sobre "materias reguladas" na Constitución
Comparecencia BNG, Amaiur, ERC
Comparecencia BNG, Amaiur, ERC  EH Bildu
Tres días demorou a comunicación ao BNG, Amaiur e ERC do acordo adoptado pola Mesa do Congreso co que se inadmite a trámite a proposición de lei soberanista. O escrito, ao que tivo acceso Sermos Galiza, chegou hoxe aos proponentes. A Mesa indica que a iniciativa podería tramitarse se se acollese a un artigo do regulamento que obrigaría a BNG, Amaiur e ERC a teren o apoio de cando menos un outro grupo parlamentar.

A Mesa argumenta que non procede a tramitación da iniciativa porque esta incide en materias reguladas na Constitución e non se acolle aos artigos 146 e 147 do Regulamento en que se fixa o procedimento para a reforma da Carta Magna. De ir por esa vía, o grupo parlamentar mixto -no que están BNG, Amaiur e ERC- precisaría de cando menos o respaldo doutro grupo parlamentar.

A negativa da Mesa parlamentar a tramitar a proposición de lei para permitir a autodeterminación dos pobos asentouse nos votos en contra [email protected] 5 membros do Partido Popular e dos votos favorábeis do PSOE (3) e CiU (1). A decisión, que foi coñecida a pasada terza feira polos grupos promotores --BNG, Amaiur e ERC-- non lles foi comunicada de maneira oficial e por escrito até esta sexta feira.

Segundo se desprende da carta enviada polo órgano reitor da Cámara "non procede a admisión a trámite" da proposición por se referir a "materias reguladas pola Constitución" non se correspondendo --ao entender da Mesa-- o procedemento contemplado pola iniciativa soberanista co recollido polos artigos 146 e 147 do Regulamento da Cámara. Neste senso, o artigo 146 exixe do apoio de cando menos dous grupos parlamentares para presentar unha proposición de lei destas características, de xeito que o grupo mixto precisaría do apoio dunha outra forza parlamentar para que a Mesa admitise a trámite a PL. Habida conta da composición do Congreso isto podería producirse con algúns dos outros grupos políticos que inclúen no seu ideario o dereito de autodeterminación dos pobos (CiU e PNV).

Un debate político con subterfuxios xurídicos

En comparecencia de imprensa conxunta, BNG, Amaiur e ERC manifestaron esta sexta feira o seu rexeitamento ao veto imposto polo Partido Popular. Neste senso, o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, asegurou en declaracións a este medio que a PL presentada no Congreso español envolve "un debate político e non xurídico-técnico" como pretender facer ver a decisión adoptada polo grupo maioritario na Mesa parlamentar. Segundo o nacionalista, da notificación comunicada aos grupos despréndese a "visión patrimonialista" que o PP ten das institucións "ás que pretenden pór ao seu servizo". Así pois, Vázquez denunciou o veto e asegurou que as forzas promotoras da iniciativa "explorarán todas as vías" para que finalmente o debate sobre a autodeterminación dos pobos chegue ao Parlamento español.

A Mesa abre a vía de que a iniciativa se acolla aos artigos 145 e 145 do Regulamento, mais iso obrigaría aos proponentes a se faceren co apoio doutro grupo parlamentar

Aliás, Guillerme Vázques defendeu o dereito de autodeterminación das nacións sen Estado como Galiza como "única posibilidade para facer políticas alternativas" e acrecentou, "ao servizo das clases populares". O voceiro nacional do BNG partillou mesa esta sexta feira en Bilbo, con Alfred Bosch (ERC) e Rafael Larreina (Amaiur) nun acto público en que se valorou a decisión adoptada pola Mesa da Cámara. Neste senso, os grupos denunciaron "o talante antidemocrático" do PP e anunciaron que recorrerían a decisión, malia que coñeceron os argumentos xurídicos da mesma, após rematar a comparecencia conxunta.