O presidente español gábase da súa xestión no primeiro debate de política xeral


O presidente español gábase da súa xestión no primeiro debate de política xeral

Firme e rotundo. Así quixo amosarse Mariano Rajoy no seu primeiro debate sobre política xeral celebrado estar cuarta feira. As bancadas do Partido Popular souberon acompañar con aplausos o discurso pronunciado polo presidente do Goberno español, só interrompido polos marmurios da oposición. Coma se for un mitin de campaña máis que a avaliación dun ano e tres meses de Goberno, Rajoy avanzou que porá a andar "unha segunda xeración de reformas" e loubou os resultados das implementadas ao longo deste tempo.

Malia a forte presión social que cuestiona a súa xestión de Goberno desde a toma de posesión, o presidente español asegurou que a cidadanía "sabe o que lle convén" e acepta as decisións adoptadas, iso si, "de peor ou de mellor grao", matizou. Malia a que asegurou ao comezo da súa intervención non ter vontade de falar sobre "gromos verdes nin nubes pasaxeiras", Mariano Rajoy asegurou que o Estado español ten "un futuro e hai un ano non o tiña".

Bateu contra quen critica as decisións tomadas neste ano de mandato e recoñeceu non ter cumprido con boa parte das promesas electorais pregoadas pola súa formación durante a campaña mais asegurou que ninguén podía tildalo de "cobarde". A respecto da realidade socioeconómica que vive o Estado, Rajoy botou balóns fora, "zarandeáronos" afirmou, coma se a situación imperante for resultado dunha conspiración.

Pouca ou ningunha capacidade crítica nun presidente que se gabou da reforma laboral malia o 26% de desemprego (50% entre a xente moza) e mesmo chegou a aseverar que esta contribuiu a "atenuar a destrución de emprego". Ou que reafirmou o seu compromiso cunha reforma educativa impulsada polo ministro de Educación en aras da mellora da "empregabilidade" e da "competitividade laboral" da mocidade do Estado. Porén, nin unha soa referencia ás masivas mobilizacións que enfrontaron as reformas levadas a cabo polo executivo liderado por Mariano Rajoy, nin das folgas xerais convocadas polos sindicatos contra os retrocesos en materia laboral.

Abriu a porta o presidente do Goberno español ás empresas de traballo laboral cara á empregabilidade da mocidade e apostou polo traballo por conta propia como solución ás cifras de desemprego xuvenil.

"Cumprin co meu deber", sintetizou o líder [email protected] populares mais advertiu: "Aínda queda moito camiño por percorrer".