O PSdeG pide a renuncia das precandidaturas menos votadas para regatear as normas de Ferraz nas primarias

O PSdeG pide a renuncia das precandidaturas menos votadas para regatear as normas de Ferraz nas primarias
Pachi Vázquez
Pachi Vázquez  PSdeG

A militancia que presente candidatura ás primarias non vinculantes do PSdeG deberá asinar un compromiso de renuncia. Desta maneira só o nome máis votado nas primarias optará á ratificación polo Congreso nacional. O Pino regatea así as exixencias de Ferraz que non recoñece o carácter vinculante da consulta á militancia


Após meses de tira-puxa entre Madrid e Galiza, o PSdeG xa ten data para as eleccións primarias das que sairá a nova Secretaría xeral do partido. Así o anunciou o seu secretario xeral logo da xuntanza do Comité Federal do PSOE celebrado este sábado en Madrid. 

Embora Ferraz non considere vinculante a consulta á militancia prevista pola dirección do partido na Galiza, accedeu a que as primarias se celebrasen recoñecendo que non existe "norma algunha" que prohiba ás federacións convocar consultas entre a súa militancia. Porén, aclaran desde Madrid, o resultado das votacións non pode en ningún caso contradicir os procedementos estabelecidos nos Estatutos do PSOE. 

Neste senso, desde O Pino atoparon a fórmula para manter dentro da 'legalidade' partidaria o proceso de escolla da nova Secretaría xeral. Así, exixirán ás precandidaturas asinar un "compromiso de renuncia" de non constituíren "a máis votada" nas eleccións primarias.

Desta maneira, só a máis votada será sometida á consideración do Comité nacional do partido a celebrar o 29 de setembro que a ratificaría respectando a vontade expresada pola militancia. Este procedemento aparece recollido no regulamento aprobado --co visto e prace de Ferraz-- de cara ao Congreso nacional que se celebrará no mes de setembro. 

As candidaturas deberán ser presentadas entre os días 22 de xullo e 2 de agosto e serán sometidas a votación o 7 de agosto en cada unha das sedes das agrupacións locais do PSdeG.