O Supremo anula o indulto do último goberno Zapatero ao conselleiro delegado do Santander


O Supremo anula o indulto do último goberno Zapatero ao conselleiro delegado do Santander
O goberno Zapatero en funcións indultou en 2011 o conselleiro delegado do Santander, Alfredo Sáenz, nunha decisión moi polémica que permitiu ao banqueiro continuar nas súas funcións. Agora o Tribunal Supremo anula parcialmente o indulto por considerar que o Executivo español se extralimitou. O Banco de España terá de decidir se Sáenz pode ou non manterse ao fronte do banco.

O indulto tivo dous efeitos. O primeiro foi perdoar a Sáenz unha pena de prisión de tres meses. O segundo foi o de permitirlle continuar coas súas funcións ao fronte do Banco Santander, ao cancelar os seus antecedenes penais e deixar sen efeito a inhabilitación para exercer calquer cargo na banca.

O Tribunal Supremo entende que o Goberno podía perdoar a pena de prisión a Sáenz, mais carecía de competencias para cancelar os seus antecedentes penais (que son os que, de acordo co decreto 1245/95, impedirían ao banqueiro continuar a exercer as súas funcións).

O Supremo desvía agora o asunto ao Banco de España ao que si ve competente para esclarecer se o facto de Sáenz ter antecedentes penais o inhabilita ou non para exercer o seu cargo.

Sáenz foi condenado por ter apresentado, na época en que presidía o Banesto, unha demanda por fraude e ocultación de bens contra catro empresarios a sabendas de que eran inocentes.

O banqueiro axiu así para presionar os empresarios, que adebedaban 3,8 millóns de euros ao Banesto.

A demanda deu cos empresarios en prisión por espazo dalgúns días. Foron eles os que presentarían unha denuncia contra Sáenz.

Indulto impulsado por Caamaño

O indulto parcial a Sáenz foi impulsado polo ministro de Xustiza, Francisco Caamaño. Fíxoo co respaldo da fiscalía, mas co informe en contra do Tribunal Supremo, que agora confirma a súa negativa coa anulación do indulto.

O ministro de Economía, Luis de Guindos xa anunciou que "tanto o Banco de España como o Goberno aplicarán a lei ao respecto".