JOAM PERES (CAUSA GALIZA), ANTE O DÍA DA PATRIA GALEGA

"O independentismo ten que envolver xente alén dos círculos habituais"

"O independentismo ten que envolver xente alén dos círculos habituais"

Falamos cun portavoz de Causa Galiza, convocante dunha manifestación independentista este 25 de xullo. 


-A convocatoria para unha mobilización unitaria do soberanismo o 25X que formulabades a comezos do verán non callou. Cales foron os motivos ao voso ver?

-Neste 50º aniversario do Día da Patria, Causa Galiza propuxo aos axentes sociais, sindicais e políticos do país reorientar a celebración do día nacional, pasando dun escenario de múltiples convocatorias partidarias para outro de resposta ''como país'' á crise do Estado e aos horizontes que se abren. Esta resposta artellaríase baixo dous mínimos denominadores comúns: a aposta estratéxica nun proceso de rutura democrática co Estado, é dicir, o rexeitamento do rexime autonómico e a denuncia dos limites insalvábeis da súa reforma, e a opción independentista, que é a única concreción posíbel da soberanía nacional de Galiza. Esta proposta fixémola desde a conciencia clara de cal é a correlación de forzas no universo nacionalista e de cal é o noso próprio ''tamaño'', mais tamén coa vontade de responder ao que nós entendemos son as necesidades dun contexto excepcional como o presente.

Esta confluencia, que sería puntual e simbólica, apunta un camiño alén do propio día e conta con simpatías significativas no corpo social soberanista, mais foi inviábel debido á prevalecencia de dinámicas de afirmación e hexemonía partidaria e fortes desconfianzas mutuas, e a que a aposta, agora, nun proceso de rutura co Estado, non está clara en absoluto para amplos sectores. De feito, formúlanse propostas de autonomismo avanzado nunha correlación de forzas que as fará probabelmente inviábeis. Por último, parece obvio que o músculo independentista organizado, hoxe, é insuficiente para xerar dinámicas que envolvan outros espazos sociais e políticos e ese foi outro factor determinante. Contodo, seguimos mantendo que responder como nación baixo presupostos claros, respectando a pluralidade partidaria e ideolóxica, debería ser a perspetiva.

-No manifesto co gallo do 25 de Xullo afirmades que reforma ou ruptura volve ser, 40 anos despois, a encrucillada para moitos nacionalistas galegos

-Efectivamente: desde a nosa óptica, con moitas mudanzas a respecto do que aconteceu na Transición, porque o país mudou en múltiples aspectos, o dilema que se formula hoxe é similar a aquel en moitas cuestións: participar na reforma do modelo territorial do Estado, coñecendo os seus límites insalvábeis, porque o Estado español non é democratizábel para a nación galega, ou trazar unha folla de ruta de rutura democrática nacional e independentista, que só é viábel a longo prazo. Hai quen identifica esta segunda opción como ''ideoloxista'' e abraza a primeira alegando un posibilismo que é ficticio. Nós o que preguntamos entón é que perspectiva soberanista é a que procura encaixar no marco constitucional e contribúe para prorrogar por outros cuarenta anos o actual ciclo autonómico despois de coñecer as súas limitacións e resultados.

-Hai espazo real en Galiza (alén do que pode ser o mundo das redes sociais coas súas sobredimensións, etc...) para asentar unha opción de ruptura en chave independentista?

-Existe espazo real, por suposto, e existe tambén a masa social que pode sustentar esta opción. Iso na miña opinión é inegábel. A dificuldade reside en cristalizar ese estado de opinión independentista, que en absoluto é marxinal, que está en crecemento, en proxecto político e estratexia e evitar que se dilúa ou que, por impotencia, ou por medo á intemperie, se subordine a perspectivas non-independentistas... O sobredimensionamento que provocan as redes sociais é similar ao que provoca a esfera institucional ou a TV: non ten por que ser negativo se se sabe utilizar, se non é un placebo da falta de presenza social e se responde a unha perspectiva que incide na sociedade real. O lamentábel sería reducir o independentismo á retórica, ou ao desafogo ocasional, cando se postula seguir xogando ao marco autonómico outros 40 anos e se carece de folla de ruta alternativa a esa. O balanzo do ciclo autonómico actual está aí para disuadirnos de que non repitamos a experiencia.

Dando a volta á cuestión, eu preguntaría se existe algunha opción de futuro para este país que non sexa de ruptura. Pensar que, coa mera xestión do marco autonómico, é posíbel ''ir tirando'' outros 40 anos e estar daquela en mellores condicións é unha ficción política. Aliás, esa ficción obriga a adiar sine die as tarefas independentistas, externalizando as responsabilidades propias e alegando que é ''o país non dá para máis'', ou que ''non é o momento''. Se esa é a visión, deberíase explicitar, porque se hai un momento para pór a carta da independencia sobre a mesa é este. Hoxe, mesmo desde unha posición minorizada, entendemos que se debe falar sen complexos de independencia, dar a batalla das ideas e acumular forzas nesta dirección con paso curto e ollada ao lonxe.

-Que é o Proceso Trevinca que Causa Galiza está a poñer en andamento?

-O Proceso Trevinca está intimamente interrelacionado co anterior: o independentismo necesita actualizar diagnósticos sobre a realidade nacional e internacional, definir a súa estratexia, táctica, políticas sectoriais, etc. para ofrecer a Galiza un proxecto global críbel, que convoque á militancia e ao compromiso, que motive e recupere moitas persoas que están ''na casa'' ou en proxectos sectoriais e locais. O Proceso Trevinca pretende xerar esta expectativa, mostrar solidez e altura de miras, envolver xente alén dos círculos habituais, motivar e, sobre todo, resolver estas cuestións coa participación de centenas de independentistas que identifican a necesidade dun proxecto político e unha estratexia con vocación de masas. É un reto moi ambicioso, coñecendo a situación da que se parte, mais é un reto inevitábel.