TODO FICA POR DECIDIR NUN PANORAMA POLÍTICO INÉDITO

Onde está Galiza no debate das xerais?

Onde está Galiza no debate das xerais?
AP-9
AP-9  

Ás portas do escenario electoral máis aberto das últimas catro décadas asistimos á desaparición da problemática galega no temario de campaña. Unha campaña que xira ao redor do eixo PSOE/PP-Ciudadanos-Vox e onde o medo á extrema dereita silencia as propostas programáticas centradas na Galiza.


mini_4A posta nun segundo plano das propostas programáticas referidas a Galiza na precampaña electoral responden, por parte das forzas de obediencia estatal, a unha decisión táctica sobre os eixos argumentais nos que tentan centrar o seu discurso. A renuncia a confrontar opinións e formular alternativas aos grandes problemas galegos evidencia a vontade de apartar o país da axenda política nun momento en que Galiza enfronta grandes dificultades derivadas de decisións gobernativas de competencia estatal.

A destrución de emprego e o desmantelamento do sector industrial de carácter electrointesivo, da que é significativa a situación que padecen as traballadoras e traballadores das plantas de Alcoa; os déficits en materia de infraestruturas -entre elas a estafa da AP-9 ou as carencias ferroviarias- o rexeitamento de transferencias vitais para unha mellora dos servizos -como o salvamento marítimo ou tráfico- son exemplos evidentes da fenda aberta entre as prioridades dunha parte das forzas políticas e da sociedade galega, que segue a cargar coa mochila dos salarios e das pensións máis baixas e coa electricidade -malia ser un territorio exportador e soportar o espolio dos recursos naturais- e o gasóleo -malia aturar a contaminación provocada por unha das escasas refinarías que hai no Estado- máis caros.

As terminais galegas dos partidos madrileños decidiron, máis unha vez, que o temario da precampaña electoral no país sexa unha réplica dos seus argumentarios xerais, convertidos nunha sorte de doutrina do shock en versión castiza. A experiencia da última lexislatura, onde o investimento estatal se reduciu de xeito ostensíbel no país -Galiza foi o territorio onde máis caeu o investimento do Estado nos orzamentos de 2019, un 19%-, malia a ausencia de maiorías absolutas, certifica que un congreso bipolarizado entre un bloque de dereitas, máis ou menos próximo a posicións protofascistas, e un bloque de centro esquerda, nesta ocasión hexemonizado con claridade polo PSOE, non dá resposta aos problemas e demandas da Galiza.

As enquisas, armas de guerra electoral

As enquisas demóstranse fundamentais á hora de certificaren cunha pretendida neutralidade científica os escenarios electorais que interesan aos grupos económicos, políticos ou mediáticos que as financian ou encargan. Abonda con reparar nos dados dos últimos procesos electorais para caer na conta duns estudos de opinión que fracasaron de xeito xeralizado nos seus prognósticos.

Así, por exemplo, nas eleccións galegas de 2016, a totalidade das sondaxes e trackings divulgados polos medios de comunicación negaban a posibilidade de que o BNG acadase grupo parlamentario na cámara do Hórreo, chegando a adiantar algunha delas que a formación nacionalista non acadaría representación. Outro tanto aconteceu nos comicios andaluces, onde as enquisas de xeito unánime confirmaban a continuidade na presidencia da autonomía da candidata do PSOE Susana Díaz e non anunciaron en ningún caso -mesmo naquelas que se filtraron na última semana de campaña- a posibilidade do tripartito de dereitas que rematou por imporse.

[Podes ler a análise íntegra no número 340 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]