SORTEAR OS VETOS DO PP

A oposición activa unha comisión de investigación de sanidade alternativa para “coñecer a verdade”

A oposición activa unha comisión de investigación de sanidade alternativa para “coñecer a verdade”
Imaxe: @EnMarea
Imaxe: @EnMarea  

En Marea, PSdeG e BNG apresentaron a nova comisión de investigación, na que comparecerán as persoas “vetadas” polo PP. A primeira sesión será esta segunda feira, 17 de decembro, coa presenza dun familiar do paciente falecido no PAC da Estrada.


A oposición decidiu abandona a Comisión parlamentar de investigación sobre a sanidade cando constatou que o PP empregaba a súa maioría para vetar boa parte das propostas de comparecencia solicitadas. “Queren facer dunha comisión de investigación unha comisión de absolución”, denunciara daquela a oposición.

En Marea, PSdeG e BNG volven agora sumar forzas para constituír unha comisión de investigación alternativa na que estean presentes as voces vetadas polo Partido Popular. Eva Solla, Julio Torrado e Montse Prado, en representación de cada unha das tres forzas, compareceron na Cámara galega esta quinta feira para explicar que o que se procura con esta comisión é “coñecer a verdade dunha situación que empeora cada día e que a Xunta non é quen de solucionar”.

Este organismo terá o desenvolvimento propio dunha comisión parlamentar, escoitando as persoas comparecentes e ofrecendo unha análise e unhas conclusións para o Parlamento e a sociedade galega.

Arrancará o seu funcionamento a segunda feira, 17 de decembro, coa comparecencia de Manuel Pereira, portavoz da familia do falecido no PAC da Estrada. Tamén estarán nesta primeira xornada dúas persoas representantes da plataforma PACs en pé de guerra, o médico Eduardo Díaz e a enfermeira Pilar Rodríguez.

 “Levamos a esta comisión alternativa as propostas que presentabamos e que foron vetadas para que conten a realidade do sistema sanitario. É enriquecedor tamén escoitar as propostas que teñen para mellorar e cambiar a grave situación actual” afirmou Eva Solla. Para Julio Torrado, o PP quería impoñer unha "visión unilateral" do que acontece na sanidade galega, de aí a necesidade desta comisión alternativa. Máxime, dixo, cando estamos nunha situación "límite" na sanidade pública en Galiza.

Montse Prado lembrou os conflitos abertos: dimisión de 80% dos xefes de centros de saúde de Vigo, greve en Urxencias, paros e protestas nos PACs... "A magnitude do problema foi o que nos levou a impulsar a comisión de investigación", dixo, ao tempo que cualificaba como "anomalía democrática" que o PP a baleirase de contido. 



x