DEBATE DOS ORZAMENTOS 2020

A oposición coincide: uns orzamentos antisociais e unha fiscalidade que beneficia as persoas ricas

A oposición coincide: uns orzamentos antisociais e unha fiscalidade que beneficia as persoas ricas
Parlamento de Galiza. Debate dos Orzamentos 2020 (Parlamento)
Parlamento de Galiza. Debate dos Orzamentos 2020 (Parlamento)  
A oposición en bloque cualificou os orzamentos da Xunta da Galiza para o 2020 como “antisociais”, discutiu a visión do contexto económico e institucional presentada polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e cuestionou tanto a capacidade do Goberno Feixoo para ofrecer alternativas para o emprego e os sectores en crise como para executar os seus propios orzamentos. Manuel Lago, do Grupo Común da Esquerda, cifrou en 26.000 millóns “os recortes” da era Feixoo.

“Temos un grave problema co seu modelo para captar investimento e xerar crecemento. Por riba, exportamos capital humano, e capital procedente do aforro. Ese é o seu gran fracaso nos últimos anos”, dixo Xaquín Fernández Leiceaga, portavoz do PSdeG no debate dos orzamentos, diante de Valeriano Martínez, o conselleiro de Facenda, esta segunda feira no Parlamento.

Leiceaga, que falou o último, tamén criticou as políticas de vivenda, sanidade e tributaria que anuncian as contas da Xunta. "A súa é unha política tributaria regresiva e ineficaz, que busca o impacto publicitario, porque moitos dos beneficios fiscais son pequenos regalos a contribuíntes escollidos que non teñen un efecto agregado significativo. Todo o que contemplan en canto a bonificacións no IRPF supón 673.000 euros menos de ingresos, pero ten o seu impacto publicitario", dixo Leiceaga antes de subliñar, como o resto da oposición, que "a riqueza estase concentrando e as políticas do PP non corrixen ese efecto".

Fernández Leiceaga: ""A súa é unha política tributaria regresiva e ineficaz, que busca o impacto publicitario"

A respecto da vivenda, Leiceaga apuntou que en 2009 iniciáranse 2.000 vivendas de protección oficial no país, e só 9 en 2017. "As súas políticas de vivenda son un fracaso é total", resumiu dirixíndose ao conselleiro. Tamén criticou que mentres o estudo estratéxico encargado a expertas sobre a Atención Primaria recomenda accións como establecer un máximo consultas por xornada, mellores contratos, ou autonomía da Atención Primaria, "o PP vota sempre en contra destas medidas, que son o programa da oposición". Para o portavoz socialista, ese estudo pretende ser "lavado de cara pensando nas eleccións de 2020" porque "nada hai no orzamento que respalde esta reflexión estratéxica".

O portavoz do PSOE tamén sinalou ao conselleiro de Facenda que a Xunta "está a presumir" de políticas cuxos méritos corresponden a outras Administracións. Referiuse Leiceaga á "actualización" das pensións e do salario mínimo, impulsadas polo seu partido en Madrid, "mentres o único que fixo o PP foi opoñerse". E a cuestións como a violencia de xénero, as infraestruturas ou mesmo o Xacobeo, "que recibe fondos extraordinarios do Goberno central e a Xunta non pon nada, cero".

Manuel Lago: "Por que se a riqueza en termos do PIB xa volve estar por riba da que había antes da crise do 2008 hai menos cartos para xestionar desde o público?

Por último, Leiceaga atribuíu a converxencia dos indicadores de renda por habitante con España, "converxencia moderada", á que "a poboación se comporta con menos dinamismo... crece menos; e iso explica toda a converxencia". E insistiu: "cunha natalidade ou taxas de emigración semellantes ás españolas, non habería converxencia". "Así que están vostedes a presumir de algo que din combater: a regresión demográfica", lembroulle ao conselleiro.

26.000 millóns menos con Feixoo

Manuel Lago, do Grupo Común da Esquerda.“É o último orzamento da lexislatura, espero que tamén sexa o último do PP”, dixo Manuel Lago, o portavoz do Grupo Común da Esquerda, que desenvolveu unha durísima intervención centrando as súas críticas aos orzamentos da Xunta para 2020 na política fiscal.

Dirixíndose ao concelleiro de Facenda, Valeriano Martínez, sostivo: “O seu traballo é facer reformas fiscais en beneficio dunha minoría: reduce os ingresos e desequilibra a carga fiscal, de tal forma que os ricos eluden a carga fiscal, e así a maioría social paga dúas veces”.

“Por que se a riqueza en termos do PIB xa volve estar por riba da que había antes da crise do 2008 hai menos cartos para xestionar desde o público?”, preguntouse o deputado e economista. Manuel Lago explicou que a elección está entre “fiscalidade e gasto público para as elites ou para a maioría social”, e constatou que o PP, nos dez anos de gobernos de Alberto Núñez Feixoo, “desfiscalizou as rendas do capital” producindo “a deserción fiscal dos ricos”.

Ana Pontón: “Deixan unha Galiza máis desigual. Sen solucións orzamentarias para o sector industrial, sen propostas para frear deslocalización, con recortes na vivenda pública"

Lago di que a Xunta xestiona na actualidade un 15% da riqueza do país, “catro puntos menos que no 2015” e di que “a austeridade mudou de forma, pero segue: pasamos dun axuste duro a un axuste fino”. E a vía é que o gasto público aumenta menos que o PIB nominal, de modo “que hai máis riqueza, pero menos gasto”.

O efecto destas políticas, segundo Lago, é que o gasto “real” (tomando en conta a inflación) en sanidade “é menor en 200 millóns que no 2009; e o gasto en ensino, menor en 300 millóns; e en emprego, en 200 millóns; e hai 162 millóns menos para políticas de vivenda...”

O economista sinalou que a respecto do 2009, e tendo en conta a inflación, o Goberno galego gastara uns 1.950 millóns de euros menos. Lago expresou nunha cifra “os recortes de dez anos de Goberno Feixoo”: 26.000 millóns menos. “Un retroceso que levará décadas superar”. 

Pontón: "Goberno caníbal"

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG no Parlamento esta segunda feira.“Galiza é sitio distinto, si... mágoa que teñamos un Goberno caníbal”, comezou Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, a súa réplica a Valeriano Martínez no debate dos orzamentos esta segunda feira no Parlamento, criticando a visión do conselleiro de Facenda sobre a situación económica, social e institucional do país. Pontón cualificou o discurso de Martínez como “electoralista” e díxolle: “Teña coidado con dicir iso de que a Galiza non lle gustan os bipartitos, porque a xente vén de lle dicir que xa non acredita no PP”.

“Viu vostede a serie ‘Chernobil’? Pois empeza cun dos protagonistas, un científico, escoitando a súa propia voz gravada e preguntándose: ‘canto custan as mentiras? O perigo é oír tantas que xa non recoñezamos a verdade?”, preguntou Pontón ao conselleiro antes de lembrarlle que “repiten mentira tras mentira, conto tras conto”.

E sinalou algúns exemplos: “É un conto repetido que presentar uns orzamentos é algo heroico, e que o Xacobeo vai solucionar os problemas económicos de Galiza, ou que estes son os orzamentos máis socias... a realidade é máis triste”.

A líder nacionalista opinou que os orzamentos son “o retrato dun Goberno fracasado e sen proxecto de futuro”. Criticou Pontón que en dez anos de gobernos do PP, o emprego “deteriorouse tanto que xa non é sinónimo de vida digna, vostede crearon as traballadoras e traballadores pobres”, e explicou que o “o nivel de renda das traballadoras caeu tanto que xa pesan máis as rendas do capital, algo que non sucede no resto do Estado”. 

“Deixan unha Galiza máis desigual. Sen solucións orzamentarias para o sector industrial, sen propostas para frear deslocalización, con recortes na vivenda pública sendo a vivenda un factor de desigualdade...”, resumiu a portavoz do BNG, quen reclamou o control público de determinadas empresas, caso de Barreras. 

Luis Villares: "“Estamos tan ben como para facerlle regalos fiscais aos ricos?”

E engadiu: “É inxusto que quen recibe un millón en herdanza non tribute, e que un traballador pague 24%. É unha inxustiza fiscal, gobernan para unha minoría”. Pontón rematou a súa intervención advertindo que “na Galiza vivimos peor que hai dez anos” e indicou a Martínez dúas eivas na planificación orzamentaria: “Destinan 60% menos a normalización lingüística que hai dez anos, e a cultura 50% menos; ese é o seu galeguismo”. Tamén indicou que as contas da Xunta non ofrecen políticas contra a fenda salarial, a feminización da pobreza e a violencia de xénero, “simplemente, non se actúa”.

Villares: “Estamos tan ben como para facerlle regalos fiscais aos ricos?”

O portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, definiu o contexto social como “una crise poliédrica na que se constata o colapso do modelo de acumulación capitalista” e ofreceu algún datos que debuxan unha realidade moi distinta á que presentou o conselleiro de Facenda. “Existe diverxencia en Galiza con respecto ao crecemento no resto de España e aí está o índice de produción industrial, que leva doce meses seguidos de caídas interanuais”, sinalou Villares.

O líder de En Marea tamén se referiu aos orzamentos como unhas contas “antisociais” e criticou que, no capítulo de ingresos, se fagan “concesións ás rendas altas e ás corporacións empresarias”, mentres que o gasto previsto indica unha “redución orzamentaria que golpea os servizos públicos e as políticas de creación de emprego”.
 
“Estamos tan ben como para facerlle regalos fiscais aos ricos?”, volveu cuestionar Villares como o fixera na comparecencia parlamentaria do presidente Núñez Feixoo a semana pasada. “O que están a crear é máis desigualdade, mentres a súa propaganda fala duns orzamentos que nunca se executan”, advertiu Villares.