SESIÓN DE CONTROL

A oposición insta Feixoo a poñer fin ao “maltrato” á sanidade pública

A oposición insta Feixoo a poñer fin ao “maltrato” á sanidade pública

Os recortes sanitarios destes anos teñen efectos directos na saúde das persoas, denuncian En Marea, PSdeG e En Marea, aos que o presidente galego acusa de querer “políticas sanitarias bolivarianas”.


A sanidade galega volveu centrar máis unha vez a sesión de control ao presidente no Parlamento galego. En Marea, PSdeG e BNG volveron describir na Cámara as consecuencias destes anos de recortes sanitarios e como estes afectan a profesionais e usuarios. A vaga mobilizadora destes meses na sanidade pública pon en bandexa á oposición sacar un tema perante o cal o presidente non está cómodo, de aí que recorra a descualificar as críticas, nesta ocasión acusando a oposición de “bolivariana”.

Ana Pontón, BNG, propuxo un plan de choque para atención primaria dotado con 280 millóns de euros e pediu a Feixoo que convoque as 6.000 prazas vacantes no Sergas. Fernández Leiceaga, PSdeG, enumerou recortes en persoal e medios e instou o presidente a escoitar os profesionais, “que lle din que está errado”. Luis Villares, de por parte, falou de “maltrato sanitario” por parte da Xunta, políticas que responderían “a unha intención de facer negocio cos recursos públicos que deberían destinar á saúde da xente”.

Nas súas quendas de resposta, o presidente ensalzou as políticas destes anos en sanidade fronte ás do “bipartito”. Ofreceu unha serie de dados para soster esta afirmación que lle foron desmontados por Ana Pontón, que lle lembrou que as memorias que acompañan os orzamentos desmenten o optimismo de Feixoo á hora de falar de aumento de profesionais no Sergas. O mandatario acusou a oposición de apostar por “políticas sanitarias bolivarianas” pola súa actitude na comisión de investigación parlamentar sobre sanidade.