A oposición pide a demisión da Valedora por trato de favor a unha irmá do portavoz parlamentar do PP

A oposición pide a demisión da Valedora por trato de favor a unha irmá do portavoz parlamentar do PP
A Valedora do Pobo
A Valedora do Pobo  

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza considera probado que a valedora do pobo, Milagros Otero, se inmisciu no proceso de designación como xefa do servizo de administración e persoal da institución dunha persoa coa que tiña relación e que, alén de máis, é irmá do portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy.


M.P.F. foi designada xefa de servizo da administración e persoal da Valedora do Pobo nun proceso en que se cometeron irregularidades, de acordo coa Sala do Contencioso do TSXG. O tribunal vén de anular o nomeamento -nun fallo ditado a 29 de xuño- e ordena a repetición do proceso.

No novo procedimento a actual valedora non poderá ter "ningún tipo de intervención", sinala o TSXG.

M.P.F. é filla dun catedrático de dereito do que é discípula a Valedora do Pobo, quen, segundo a sentenza, incorreu en "desvío de poder" e "arbitrariedade" ao se inmiscir no normal desenvolvimento do proceso movida polo "interese en que fose seleccionada a señora P.F.".

Este sábado, a reacción da oposición foi unánime ao demandar a demisión da valedora. Destarte, Luís Villares (En Marea) pediu a renuncia de Milagros Otero pola "súa actitude corrupta" e porque "non ten sentido que a presidenta da institución que ten que evitar os abusos do poder actuase abusando do seu para enchufar a xente próxima a ela". Por súa parte, nun comunicado de imprensa, o PSdeG considera inevitábel a saída da institución da valedora por "responsabilidade política", sendo que existen suficientes dados para considerar probado que o procedimento de designación non se guiou "polos principios de igualdade, mérito e capacidade, senón polo desexo de adxudicala [a praza] a unha das candidatas".

Na súa conta twitter, a portavoz do BNG, Ana Pontón, escribiu: "A valedora do pobo debe presentar xa a súa dimisión. Que escándalo!"