PRIMEIRO PLENO DO CURSO PARLAMENTARIO

A oposición reclamará de Feixoo un balanzo do seu “decenio negro”

A oposición reclamará de Feixoo un balanzo do seu “decenio negro”
As deputadas do BNG Montse Prado (esquerda) e Olalla Rodil na xunta de portavoces do Parlamento de Galiza esta terza feira, 3 de setembro. Foto: BNG.
As deputadas do BNG Montse Prado (esquerda) e Olalla Rodil na xunta de portavoces do Parlamento de Galiza esta terza feira, 3 de setembro. Foto: BNG.  
A terceira lexislatura consecutiva con maioría absoluta do Partido Popular encarréirase a termo. É talvez esa certeza a que leva á oposición a reclamar de Núñez Feixoo un balanzo da súa etapa á fronte da Xunta. Farano vindeiro pleno parlamentario, o primeiro do novo curso a vindeira semana, PSdeG e BNG.

Os socialistas estrean condición de segundo grupo da Cámara, despois da escisión de En Marea. E estrean portavoz parlamentario: o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, intervirá na sesión de control ao presidente por primeira vez. Preguntará polos seus “plans de acción” para o derradeiro ano do actual mandato.

Segundo expuxo esta terza feira Xaquín Fernández Leiceaga, a quen substituirá Caballero, o obxectivo é que “Feixoo aclare que está disposto a mudar” no período que aí vén.

O Bloque tamén orientará a intervención da súa líder Ana Pontón en sentido amplo. Esixe do presidente da Xunta o “balanzo que deixa logo dun decenio negro”. A propia viceportavoz nacionalista Olalla Rodil expuxo a súa opinión na comparecencia de prensa posterior á xunta de portavoces no Hórreo. “É absolutamente negativo”, dixo, antes de se referir á crise que, ao seu xuízo, vive Galiza nos eidos demográfico e industrial.

“A situación actual non se soluciona con propaganda ou manipulación informativa. Feixoo debe responder sobre que fará esta lexislatura, sobre se seguirá lastrando o futuro dos galegos e galegas ou mudará o rumbo das súas políticas”, engadiu.

O rebautizado Grupo Común da Esquerda, antes En Marea, agora con dez escanos despois da marcha de catro deputadas encabezadas por Luís Villares ao grupo mixto, centrará no dereito a vivenda a súa quenda na sesión de control ao presidente. Encargarase dela, segundo o reparto de funcións presentado esta terza feira, Antón Sánchez, quen xa exercera este labor na pasada lexislatura nas fileiras de Alternativa Galega de Esquerda.